Escoitar

O goberno local inicia nos colexios e na rúa as actividades do II Programa de Medianeiras

"Vigo, cidade de cor" é o programa de actividades complementarias á decoración de medianeiras e murais que comeza a desenvolverse na cidade para converter o espazo público "nun grande museo ao aire libre" e que servirá para pintar tamén os murais de varios colexios vigueses e para escoitar música na rúa.

mércores, 15 xuñ 2016
O alcalde anunciou hoxe que o Concello comeza a desenvolver estes días as actividades complementarias do II Programa de medianeiras que, baixo o título "Vigo, cidade de cor", se traduce nunha "forma de entender a cidade desde a arte urbana e a beleza".

Ao tempo que se decoran as medianeiras e murais seleccionados nesta segunda edición do programa municipal, haberá actividades con nenos e nenas dos colexios e ao aire libre para toda a cidadanía, coa intención de que entendan como "é a pintura, como converte un espazo público nun grande museo ao aire libre".

Así, dende esta semana e ata o mes de xullo, os centros escolares participantes no programa comezarán a decorar os seus muros exteriores, haberá talleres "Urbanizarte" en diferentes rúas da cidade, nos que a cidadanía poderá crear unha obra artística, e tamén están programados concertos diante do MARCO: mañá xoves, Su Garrido e Trem; o venres, Antifrágil e o sábado, Best Boy. O domingo, en Bouzas, tocan Cinta Adhesiva.