Escoitar

Caballero insta a Fomento a solicitar a aplicación da Lei do Solo para garantir a construción da estación de tren

O rexedor critica que na licitación para realizar a obra, que publica hoxe o BOE, se introduza un cláusula "de incerteza" que especifica que ADIF asumirá o proxecto no caso de que non haxa plan urbanístico ou licenza para construír, algo que se evitaría, dixo, se o Ministerio solicita a operatividade da Lei 3/2016 que garante que as obras poidan realizarse con independencia de que "haxa ou non Plan Xeral".

martes, 14 xuñ 2016
O alcalde saudou como "boa noticia" a publicación hoxe no Boletín Oficial do Estado da nova licitación por procedemento negociado con publicidade para construír a estación de ferrocarril de Thom Mayne.

Malia amosar a súa satisfacción porque se retome o proxecto, Caballero instou ao Ministerio de Fomento a "solicitar de maneira inmediata a operatividade da Lei 3/2016" aprobada polo Parlamento de Galicia, que garante urbanisticamente que as obras poidan realizarse con independencia de que "haxa ou non haxa" Plan Xeral de Ordenación Municipal.

O rexedor criticou que nos pregos da licitación se inclúa unha cláusula que fixa un prazo de 24 meses despois do cal, o ADIF se faría cargo da obra e compensaría á empresa se non puidera realizarse por falta de licenza ou de plan urbanístico, algo que considera un "factor de incerteza" que se introduce nos pregos cando podería evitarse "soamente facendo esa solicitude" porque, unha vez cumprido o trámite, o Concello vaino informar favorablemente e poderá realizarse a construción sen impedimentos legais.