Escoitar

Caballero di que a Copa de España de patinaxe freestyle, en Navia, conxuga "acción, deporte e divertimento"

A Copa de España de patinaxe freestyle chega a Vigo esta fin de semana do 18 e 19 co patrocinio do Concello e a organización do Club Freestyle Slalom Vigo. O multiusos de Navia recibe a proba, que terá entrada gratuíta.

mércores, 15 xuñ 2016
1466003595patinaje.JPG
O alcalde da cidade, Abel Caballero, manifestou que este campionato, segunda das tres etapas das chamadas Slalom Series, é "un gran evento deportivo e de patinaxe". En abril comezou en Cáceres, Vigo será a segunda parada e o circuíto rematará en Ciudad Real en setembro.

O rexedor, que anunciou que serán uns 90 patinadores de toda España os que compitan sobre o parqué de Navia, afirmou que "durante toda a fin de semana imos ter acción, deporte e divertimento", polo que animou á cidadanía a que vaia ao polideportivo.

"Vai ser unha sesión intensiva", explicou, con tres modalidades o sábado dende as 9:00 horas (battle pola mañá, jam e classic polo serán) e tres máis o domingo no mesmo horario (salto e derrapes en xornada matinal, speed slalom na vespertina), para proceder á entrega de trofeos sobre as 18:30.

"É a terceira vez que facemos un evento destas características", subliñou Iñaki Ramón, presidente do Club FSV, que agradeceu o apoio de Alcaldía e do edil de Deportes, Manel Fernández. Á conferencia de prensa tamén acudiron os monitores Gabriel Rocha, Amaia de Luis e Kely Johanna Sánchez, ademais de Marina Oliveras, competidora de Salto e internacional con España. "É a sexta do mundo", indicou Ramón, tamén seleccionador nacional, a Caballero, quen trala rolda de prensa charlou coa deportista.

Na quenda de intervencións Ramón valorou o gran traballo de todos os estamentos da entidade para preparar este "evento estrela", e, sobre todo, o salto de calidade dado este ano ao entrar o club no programa municipal de escolas deportivas. "É un paso importante para formar aos futuros campións".

A Copa de España, que vai ser emitida por "streaming" para internautas de todo o país, Reino Unido, Tailandia ou China, por exemplo, contará cun crisol de comunidades: participarán patinadores de Madrid, Cataluña, Galicia, País Vasco, Castela-León, Castela A Mancha, Aragón e Estremadura.
Descargar todas as imaxes