Escoitar

O alcalde asinou senllas resolucións concedendo licencias para a construcción de Continente e dun hotel en Alcabre

martes, 8 mai 2001
O alcalde de Vigo, Lois Castrillo, asinou un decreto avocando as competencias delegadas no Consello da Xerencia de Urbanismo para poder conceder as licencias de construcción dun centro comercial no Troncal e dun Hotel en Alcabre. No decreto arguméntanse razóns de urxencia e oportunidade para realizar a avocación da competencia delegada, xa que “decorreu en exceso o prazo concedido pola lexislación vixente para a resolución das licencias e o Consello da Xerencia non adoptou aínda o correspondente acordo resolutorio malia ser presentadas en tres ocasións”.

O decreto de avocación de competencias permitiulle ao alcalde asinar a licencia solicitada por “Centros Comerciales Continente S.A.” para construír un edificio de 66 mil m2, cun soto destinado a aparcamento e co baixo e primeiro andar ocupados por un centro comercial. A empresa deberá ceder ao Concello unha superficie de 1.500 m2 totalmente urbanizados como praza pública. Ademais, a empresa terá que executar de forma simultánea á construcción do edificio as obras de construcción dun paso soterrado na Travesía de Vigo e as obras de urbanización da rúa Troncal.

Lois Castrillo asinou tamén a licencia reclamada por “Inversiones Mar 2000 S.L.”, que lle permitirá a esa sociedade a instalación dun hotel de catro estrelas no antigo pazo dos Sensat, Avda. Atlántida nº 106. O proxecto presentado para a reforma do pazo obtivo o informe favorable da comisión de seguimento do Plan Especial de Edificios a Conservar e da Consellería de Cultura e Turismo.