Escoitar

Cotogrande acollerá o Salón do Vehículo Usado e de Ocasión

martes, 8 mai 2001
imx202.jpg
Motorocasión, o Salón do Vehículo Usado e de Ocasión, celebrarase entre o 10 e o 13 de maio no recinto feiral de Cotogrande. Ofreceralle ó público un marco tanto para o intercambio comercial como para o lecer, dentro dun programa de actividades paralelas relacionadas co motor.

O concelleiro de Tráfico, Xaquín De Acosta, sinalou que hai que aplaudir a oportunidade de aproveitar as infraestructuras do Salón do Automóbil para a celebración deste novo evento, entendido desde unha política medioambiental que aposta pola reutilización dos vehículos.

O principal obxectivo de Motorocasión é dotar a Vigo dun novo espacio que responda de forma efectiva a un mercado, como é o da segunda man, en pleno proceso expansivo. Nesta feira ofreceranse automóbiles totalmente revisados, con garantías técnicas, nun marco acolledor no que adquire un papel predominante a calidade do producto e a atención ó público.

No Salón do Vehículo Usado e de Ocasión poderanse adquirir automóbiles de tódalas marcas e modelos a prezos moi ventaxosos e coas garantías dun vehículo novo. Máis de 20 expositores amosarán os seus productos sobre unha superficie superior ós 14.000 metros cadrados. No marco deste certame poderanse mercar automóbiles desde prezos inferiores a un millón de pesetas ata modelos de segunda man de firmas de luxo.

Exporanse centos de vehículos dos segmentos utilitario, de luxo, todo terreo, deportivo ou industrial.

Actividades paralelas

A actividade propiamente comercial deste certame completarase cun programa paralelo para ofrecer a cara máis lúdica do sector do motor. Instalarase unha pista de scalextric, de máis de oito metros de lonxitude e catro carrís, e unha área de simuladores de conducción de automóbiles e motocicletas nos circuítos máis prestixiosos do mundo.

No interior do pavillón está instalada a exposición fotográfica ”O automobilismo en Galicia nos anos 60” e, nun dos aparcamentos exteriores do recinto feiral, habilitarase unha pista de quads para que o público poida demostrar a súa habilidade sobre estas particulares motocicletas de catro rodas.
Descargar todas as imaxes