Escoitar

O Concello garante que ningunha familia quede sen auga por razóns económicas

O segundo tenente de alcalde, David Regades, reiterou este martes que o goberno de Vigo asegura o acceso á auga de todas as familias viguesas, pois "en ningún caso" se corta o subministro a fogares por problemas económicos. O edil recordou que existe o pago aprazado sen xuros nin penalizacións e un programa de axudas para persoas sen recursos.

martes, 31 mai 2016
1464698268regades.jpg
O segundo tenente de alcalde e concelleiro de Fomento, David Regades, asegurou este martes que o Concello garante o acceso a auga a todas as familias pois "en ningún caso" a empresa concesionaria costa o subministro dos fogares con problemas económicos.

Segundo recordou o edil, o Concello e Aqualia acordaron recentemente un programa de axudas a familias sen recursos para abonar a auga, con cargo á compañía e cun orzamento de 30.000 euros para o que resta de ano. O goberno de Vigo, a través da Concellería de Políticas de Benestar, traballa no protocolo a seguir polas familias para acceder ao plan, un sistema que procura simplificar os trámites e axilizar as axudas.

Ademais, David Regades apuntou que no 2008, xa co goberno de Abel Caballero, se implantou un sistema de pago aprazado do recibo, sen xuros nin penalizacións para os usuarios. Cada caso abórdase de forma individual e establécese un aprazamento de pagos adaptado a cada solicitante. O segundo tenente de alcalde explicou que Concello e empresa traballan coordinadamente coas entidades sociais para garantir que ningunha familia sen recursos quede sen auga.

Regades concluíu que as persoas que queiran acollerse ao plan de pago aprazado deben xestionar a súa situación directamente coa empresa concesionaria e formalizar a solicitude. Máis de cen familias acolléronse a este sistema o pasado ano, segundo informou o edil de Fomento.
Descargar todas as imaxes