Escoitar

Vigo propoñerá eliminar o requisito da conexión territorial para entrar na Área Metropolitana

O rexedor vigués sinalou que na xuntanza que manterán mañá máis dunha vintena de alcaldesas e alcaldes da área metropolitana poñerán en común todos os aspectos que contempla a reforma da Lei e, especialmente, quere abordar a eliminación da conexión territorial como requisito para formar parte do ente supramunicipal e que Vigo teña servizos e tratamento de capital de provincia.

martes, 3 mai 2016
Abel Caballero anunciou este martes que no encontro que manterán mañá 22 concellos da área metropolitana, convocados por Vigo, "estudaremos en detalle e poñeremos en común todos os aspectos" necesarios para a reforma da Lei.

O rexedor vigués referiuse, especificamente, a dous aspectos que propoñerá Vigo na reunión. O primeiro é que "queremos que apareza na Lei que Vigo, como capital da Área deberá ter servizos e tratamentos equivalentes a unha capital de provincia", argumentando que será a capital dunha área de 600.000 habitantes, malia que esta cuestión "non será unha liña vermella" para avanzar no proceso.

A segunda cuestión é que a conectividade territorial non sexa condición imprescindible para ser membro da Área porque, para Caballero, iso "significa que O Rosal decide que A Guarda estea ou non" no ente supramunicipal, con un agravante máis a ter en conta que é que se un "municipio nexo abandona a Área", algo contemplado no texto da Lei, o outro concello tamén tería que marcha porque quedaría sen esa conexión territorial. "É unha cuestión técnica, non política pero debe pensarse", segundo o rexedor olívico.