Escoitar

O goberno local entregará axudas a 1.828 familias para pagos de vivenda, enerxía e alimentación

O alcalde informou este luns da aprobación en Xunta de Goberno Local da resolución da convocatoria do Programa Municipal de Axudas Extraordinarias a Familias, dotado de 2 millóns de euros. Un total de 1.828 solicitantes recibirán pagos de aluguer e hipoteca, subministros enerxéticos e alimentación. Caballero salientou que 1.500 familias percibirán axudas para pagar a súa vivenda. <br />

luns, 23 nov 2015
Abel Caballero detallou que a resolución da convocatoria do programa -dotado con 2 millóns de euros- contempla pagos a 1.500 familias para vivenda (tanto aluguer como hipotecas e atrasos), axudas para electricidade e gas que recibirán 1.079 beneficiarios e abonos a 1.121 solicitantes para gastos de alimentación. Segundo explicou o alcalde, as axudas son complementarias e os beneficiarios poden percibir apoio económico para os tres conceptos previstos: vivenda, enerxía e alimentación.

Caballero explicou que o programa municipal posibilita que "quen non ten recursos pague alugueres, hipotecas, subministros enerxéticos e alimentación" e enfatizou a relevancia dos pagos para vivenda, "axudas para evitar desafiuzamentos", que percibirán 1.500 familias da cidade, cando o ano pasado foron 1.007 as beneficiarias. O incremento das familias receptoras esténdese tamén aos apoios para enerxía, que pasan das 844 do pasado ano ás 1.079 deste, e para alimentación, que ascenden de 755 a 1.121 familias.