venres, 27 novembro 2015

O Concello inaugura o alumeado de Nadal coa árbore "máis grande de Europa"<br />

As rúas de Vigo locen dende hoxe as máis de dous millóns e medio de lámpadas e os 2.030 motivos e arcos que conforman o alumeado das festas do Nadal. O alcalde e parte da Corporación Municipal presidiu na grande árbore que o Concello instalou na Portal do Sol o acto de acendido da iluminación que este ano se amplía a novas rúas e que se reforza nas parroquias e en varias zonas do centro da cidade. Ata o 6 de xaneiro, o alumeado do Nadal permanecerá prendido entre as 18:00 horas da tarde e a 01:00 da madrugada con ampliación de horario ata as 08:00 da mañá os días máis significativos das festas: o 24, 25 e 31 de decembro e o 1, 5 e 6 de xaneiro. Abel Caballero dixo que Vigo conta "coa árbore de luces máis grande de Europa" e desexou boas festas a toda a cidadanía. <br />

O goberno local destina 150.000 euros para a creación de 68 empresas <br />

venres, 27 nov 2015

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a asignación de 150.000 euros das Axudas Municipais á Creación de Empresas coas que o Concello quere contribuír á posta en marcha de 68 empresas de recente creación, dentro do Plan de Emprego Municipal. Ademais, o alcalde deu conta do comezo das transferencias para o pagamento das axudas municipais de vivenda, alugueres e hipotecas que foron concedidas a 1.500 cidadáns vigueses.

Vigo adica unha rúa á axente Vanessa Lage, falecida hai un ano nun atraco a unha sucursal bancaria

venres, 27 nov 2015

O alcalde valorou este venres, no acto organizado polo primeiro aniversario do seu pasamento -que se cumpre este sábado, 28 de novembro-, que "é tempo de volver renderlle tributo a unha muller que fixo da súa vida a defensa da cidade". Caballero salientou a "débeda eterna" de Vigo con Vanessa Lage e trasladoulles a todos os axentes de Policía o "inmenso respecto" da cidadanía "polo que sodes e representades". O Concello pasa a denominar como "Vanessa Lage Carreira" a ata hoxe travesía de José Antela Conde.

Oferta de obradoiros familiares na exposición de Mingos Teixeira na Casa das Artes

venres, 27 nov 2015

A Concellería de Cultura oferta obradoiros para grupos familiares, na exposición "Alicia no país das marabillas. Mingos Teixeira: Metamorfose", que terá lugar na planta baixa da Casa das Artes, entre o 4 de decembro de 2015 e o 10 de xaneiro de 2016.A inscrición nos obradoiros precisa reserva previa, que poderán realizar a partir do venres 27 de novembro.

Convocatoria de subvencións para rehabilitación de edificios e vivendas nas ARIS (Areas de Rehabilitación Integral)

venres, 27 nov 2015

O Consello da Xerencia Municipal de Urbanismo do Concello de Vigo en sesión ordinaria de 13 de novembro de 2015, acordou a aprobación da CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS Á REHABILITACIÓN DE EDIFICIOS E VIVENDAS NAS ARIS DE VIGO CON FINANCIAMENTO DO PROGRAMA DE REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS DO PLAN ESTATAL DE FOMENTO DO ALUGAMENTO DE VIVENDAS, A REHABILITACIÓN EDIFICATORIA E A REXENERACIÓN E RENOVACIÓN URBANAS, 2013-2016.