Escoitar

O alcalde denuncia un "retraso innecesario" na Cidade da Xustiza ao carecer a Xunta de orzamento para construila

O Concello xa ten agrupados os terreos para a Cidade da Xustiza -de titularidade municipal-, remitidos ao Rexistro da Propiedade, inscritos no Patrimonio Municipal do Solo e solicitada a referencia catastral. Os trámites restantes, explicou Caballero este xoves, son cuestións "formais" que non impiden á Xunta de Galicia avanzar coa licitación do proxecto e obra, que non pode iniciar por non ter consignada unha partida orzamentaria.

xoves, 26 nov 2015
Segundo trasladou este xoves Abel Caballero, a Xerencia de Urbanismo deu conta esta mañá da resolución sobre a agrupación e segregación dos terreos afectados pola expropiación da Cidade da Xustiza.

O alcalde explicou que o Concello xa ten agrupadas as propiedades, de titularidade municipal, enviadas ao Rexistro da Propiedade, inscritas as parcelas no Patrimonio Municipal do Solo e solicitada a referencia catastral. Valora Caballero que a Xunta de Galicia ten "garantías suficientes" da cesión do solo por parte do goberno de Vigo -que será ratificado polo Pleno no mes de decembro- e denuncia que o executivo autonómico podería ter xa "moi avanzada" a licitación do proxecto e da obra da Cidade da Xustiza viguesa.

Caballero recordou que os trámites municipais pendentes son cuestións "formais" que non impiden á Xunta de Galicia avanzar na súa tramitación e licitar o proxecto e a obra de construción da nova dotación xudicial viguesa, algo que non pode facer por non ter consignada unha partida orzamentaria, asegurou, o que está a conlevar un "retraso innecesario" na obra. Recordou o alcalde que o Concello, sendo a competencia autonómica, xa leva adicados uns 4,5 millóns de euros en concepto de solo para a Cidade da Xustiza.

PERI de Samil
A Xerencia de Urbanismo aprobou inicialmente un Plan Especial de Reforma Interior (PERI) no entorno de Samil, un ámbito "de moitísimo interese", subliñou Caballero, que suma 63.000 metros cadrados de superficie e está situado xusto ao final da praia, fronte ás instalacións deportivas municipais.

O PERI reserva un 20% para uso terciario hoteleiro e contempla no 80% de solo residencial a construción de 427 vivendas, das que o 48% serán de protección pública, o que Caballero subliñou ao tratarse de case a metade do total e "nunha zona significativamente relevante" da cidade.

O ámbito inclúe case 10.000 metros cadrados de superficie para zonas verdes e outros 4.000 metros cadrados máis para equipamento deportivo. Ademais, o entorno disporá de 550 prazas de aparcamento público gratuito e contempla o retranqueo da Avenida de Samil para ganar máis areal.