Escoitar

O goberno local destina 150.000 euros para a creación de 68 empresas <br />

A Xunta de Goberno Local aprobou este venres a asignación de 150.000 euros das Axudas Municipais á Creación de Empresas coas que o Concello quere contribuír á posta en marcha de 68 empresas de recente creación, dentro do Plan de Emprego Municipal. Ademais, o alcalde deu conta do comezo das transferencias para o pagamento das axudas municipais de vivenda, alugueres e hipotecas que foron concedidas a 1.500 cidadáns vigueses.

venres, 27 nov 2015
Abel Caballero informou hoxe das decisións tomadas na Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá como é o caso da aprobación das Axudas Municipais á Creación de Empresas do ano 2015, incluídas no Plan de Emprego Municipal que teñen un importe de 150.000 euros que se asignaron a un total de 68 empresas acabadas de crear.

Ademais, a Xunta de Goberno Local deu luz verde á concesión da subvención de 40.000 euros á Asociación de Amigos da Ópera de Vigo e ao proxecto de convenio do Outono Lírico 2015 para financiar o programa de óperas desta temporada. Outra das decisións aprobadas na sesión de hoxe foi a cesión da planta segunda do edificio municipal da rúa Cánovas del Castillo, coñecido como Edificio Berbés, ao Instituto de Estudios Vigueses que xa está exercendo alí o seu labor de investigación histórica e divulgativa que, para o rexedor ,"está funcionando moi ben na súa función de defensa da historia da cidade".
Transferencia das axudas municipais de vivenda e alugueres
O alcalde explicou hoxe que o Concello comezou xa a realizar as transferencias para o pagamento das subvencións de vivenda, alugueres e hipotecas do plan municipal de Axudas de Emerxencia a Familias, que lle foron concedidas a 1.500 beneficiarios e que, teñen destinado a este concepto 959.580,03 euros.