Escoitar

Os 54 desempregados contratados na convocatoria 2003 do Promil comezan a traballar en obras municipais da cidade

venres, 24 xan 2003
Os 54 desempregados contratados este ano dentro do Programa Municipal de Integración Laboral (PROMIL) comezaron a traballar no Concello de Vigo, despois de rematar a fase de formación na que recibiron un curso de prevención de riscos laborais e outro específico das diferentes especialidades do programa: electricidade, albanelería, xardinería e cantería.

Con esta nova incorporación, que supón a cuarta quenda do PROMIL, increméntase o cadro de persoal actual de traballadores deste programa ata un total de cento oito, entre peóns e oficiais. Os beneficiarios son contratados durante un ano e traballan organizados en brigadas de peóns supervisados por un oficial.

Vías e obras, Electromecánicos, Patrimonio Histórico, Parques e xardíns e Deportes son os servicios municipais que se benefician das obras previstas no plan de actuacións do Promil para este ano 2003, definidas polo equipo responsable do programa despois de manter numerosas xuntanzas cos responsables municipais.

A filosofía do PROMIL ven marcada polo obxectivo de xerar emprego, pero cun criterio de necesidade social determinante á hora do proceso de selección das brigadas de peóns, valorándose, entre outros, o nivel de renda por unidade familiar, as cargas familiares e a antigüidade no desemprego.

O PROMIL representa unha das principais referencias do Plan Municipal de Emprego, constituíndo unha nova ferramenta de apoio á inserción laboral dos desempregados de longa duración, pioneira na Comunidade Autónoma Galega. Tamén hai que destacar que estas contratacións se regulan polo convenio colectivo do Plan Municipal de Emprego, consensuado cos tres sindicatos maioritarios, que é un instrumento básico á hora de desenvolve-los plans e programas municipais de fomento de emprego.