Escoitar

Castrillo sinala o empeño en consolidar o Concuso de Saltos Internacional en Vigo

venres, 24 xan 2003
imx2263.jpg
López, Fernández, Castrillo, Sousa, </br>Lamas e Griffit
O alcalde, Lois Castrillo, presentou o Concurso de Saltos Internacional que se celebrará, por segundo ano consecutivo, en Vigo. ”O empeño por consolidar este evento na cidade provocará que Vigo sexa proximamente sede da final da Copa do Mundo polo traballo coordinado desde distintas administracións, a experiencia dos organizadores, a tradición e o apoio social”, sinalou.

Castrillo expresou o seu desexo de consolidar a sede de Vigo como unha escala fixa nas viaxes dos participantes na Copa do Mundo. ”No 2004 contaremos cun novo recinto multiusos, moderno e de meirande capacidade que permitirá acoller este evento de xeito aínda máis brillante”, dixo o alcalde.

O presidente do comité organizador, Manuel Fernández de Sousa, explicou que Vigo acolleu o pasado ano a primeira edición dun esforzo colectivo entre institucións públicas e privadas e patrocinadores destinado a recuperar a memoria histórica da hípica en Vigo. ”A celebración da World Cup en Vigo supuxo o maior acontecemento histórico hípico de España de tódolos tempos”, afirmou.

”A Federación Ecuestre Internacional está intentando convencer os organizadores para que se celebre en Vigo a final da Copa do Mundo proximamente”, asegurou o presidente da Federación Española de Hípica, Figueroa Griffit. Ademais, amosoulle o seu agradecemento ao Concello de Vigo que fai posible a celebración deste evento.

O xerente do Ifevi, Rubén López, afirmou que Vigo gañou con mérito ser seleccionada para a celebración deste concurso e sobranceou o éxito da decisión de que a cidade fose escollida xeograficamente.

O director xeral de Deportes, Eduardo Lamas, destacou que Vigo será unha referencia a nivel mundial porque o deporte adquiriu, gracias a iniciativas coma esta, a posibilidade de vehiculizar a promoción e riqueza con valores incalculables no desenvolvemento de Galicia e, de xeito especial, nesta cidade. ”Sería un xusto premio polo esforzo realizado a celebración da final da Copa do Mundo da Hípica en Vigo”, sinalou Lamas.


MÁIS INFORMACIÓN
Descargar todas as imaxes