Escoitar

Parques e Xardíns inicia un programa de plantación de árbores en 75 rúas da cidade

venres, 24 xan 2003
imx2261.jpg
Ameixeira xaponesa
O departamento de Montes, Parques e Xardíns principiou un programa de reposición de arborado nos espacios urbanos da cidade. En total, plantaranse máis de 500 árbores en 75 rúas da cidade. O investimento previsto é de 18.000 euros.

As reposicións realízanse debido a que foi necesario cortar árbores en varias rúas da cidade xa que algunhas xa cumpriran o seu ciclo de vida, e outras estaban danadas ben por inclemencias climáticas, por enfermidades ou por actos vandálicos.

Nestes momentos estanse a repoñer árbores de distintas variedades xa que esta época é a máis idónea para realizar estas plantacións. Na Gran Vía poranse 117 olmos (Ulmus pumila) de crecemento rápido e resistentes á grafiose, unha enfermidade que ataca a esta especie. A praza da Miñoca é outra das zonas de actuación deste programa, na que se plantarán 66 ameixeiras xaponesas (Prunus salicina). Esta especie é unha árbore froiteira frecuente en Vigo e caracterizada pola inclinación do toro e polas súas flores brancas e numerosas.

O departamento de Montes, Parques e Xardíns investirá 18.000 euros neste programa que pretende repoñer 527 árbores nas rúas de Vigo. Nas vindeiras semanas, os operarios deste departamento seguirán cos labores de plantación viaria na nosa cidade.
Descargar todas as imaxes