Escoitar

O Concello creará un parque en Alcabre de 2.600 m2

xoves, 23 xan 2003
A aprobación no Consello da Xerencia de Urbanismo do proxecto de Compensación do terreo coñecido como “Finca Solita” permitiralle ao Concello obter en Alcabre unha superficie aborada de 2.660 m2 na que se creará unha zona verde de uso público. O acordo supón tamén a cesión dun predio de 1.596 m2 que terá como destino a construcción dun equipamento social ou educativo. Ademáis, abrirase unha rua que enlazará a avenida de Europa co núcleo da parroquia.

O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, explicou que con esta operación urbanística crearanse dotacións públicas nunha das zonas da cidade que máis está a medrar. Toba salientou que a urbanización da finca permitirá mellorar as comunicacións no núcleo central de Alcabre ademais de facilitar a creación dun equipamento social a carón dun parque con especies arboreas de notable valor.

Ao mesmo tempo que se aprobaba o proxecto de compensación de Finca Solita, dábase o visto e prace a outro proxecto, na mesma parroquia: o da Unidade de Execución 2 do Peri Sensat. Neste caso, a operación consiste na construcción de vivendas unifamiliares nunha superficie de 7.513 m2, a carón da rúa da Igrexa. O desenvolvemento deste plan inclúe a ampliación da devandita rúa para ancheala e a creación dun aparcamento público, que pola súa ubicación prestará servicio ao cemiterio parroquial e á praia de Santa Baia.

Aprobado o proxecto de compensación de “Finca do Conde”

O Consello da Xerencia decidiu, cos votos favorables de BNG, PP e Provi, aceptar o dictame emitido polo Consello Consultivo de Galicia e, por conseguinte, estimar o recurso presentado pola Xunta de Compensación da U.E. Pepri III-02 Finca do Conde contra unha resolución anterior da Xerencia. Na práctica iso supón a aprobación definitiva do proxecto de compensación deste Pepri, polo que os seus promotores poderán a partir de agora solicitar as licencias para construir o centro comercial e os edificios previstos nese ámbito.

O Consello da Xerencia acordou tamén dirixirse ao Ministerio de Fomento para que proceda a anular os xustiprezos das fincas que pretendeu expropiar aos integrantes da Xunta de Compensación. O Ministerio deberá anular ese procedemento expropiatorio. Dese xeito, segundo Xavier Toba, garántese a legalidade da operación e evítase que a Xunta de Compensación se beneficie dos dereitos edificatorios dos terreos e ao mesmo tempo cobre unha cantidade pola súa expropiación.

O proxecto de compensación de Finca do Conde fora aprobado por un decreto do anterior alcalde de Vigo, Manuel Pérez. Contra aquela decisión se presentaran diversos recursos que acabaron propiciando a intervención do Consello Consultivo de Galicia. O último dictame deste organismo pon fin ao proceso avalando a legalidade daquel acordo, coa salvedade, incluida agora polo Consello da Xerencia, de que o Ministerio de Fomento non deberá pagar a expropiación dos terreos en litixio.