Escoitar

Vigo é a primeira cidade española que dispón de Plan director de alumeado

mércores, 22 xan 2003
imx2248.jpg
Novas instalacións
O concelleiro Henrique Vieitez presentou o Plan director de alumeado destinado a unificar criterios en tódolos aspectos da instalación de iluminación pública e privada que logo revirta no Concello. O documento foille remitido aos redactores do Pxom para que guíe as actuacións realizadas no futuro.

Vieitez destacou que Vigo é a primeira cidade do Estado español que conta cun Plan director de alumeado e ponse á altura de cidades europeas como París, Lyon ou Roma que dispoñen deste documento.

O Plan director do alumeado integra as accións que se deben acometer para que sempre se manteña unhas liñas de actuación coherentes, coa finalidade de harmonizar as distintas instalacións de alumeado público viario que se encontran no ámbito xeográfico do Concello de Vigo.

O obxectivo fundamental céntrase na redacción dun documento que, despois dunha detida análise da situación existente e a conseguinte detección dos problemas lóxicos dun crecemento das instalacións de alumado público sen programación por múltiples razóns, como as limitacións tecnolóxicas, mostra unha falta de homoxeneidade e de actualización como defectos mais destacables. A partir da análise, o plan director trata de establecer a estratexia presente e futura de cara a un elemento tan importante como son as instalacións do alumeado da cidade.

O plan director serve como guía de harmonización para que o conxunto das instalacións do alumeado dunha cidade a convirtan nun espacio atractivo, seguro e emocionalmente confortable sen provocar imaxes contradictorias como a que pode ofrecer unha rúa, atractiva polo día e lúgubre pola noite, senón conseguindo unha total coherencia e sobre todo unha estética adaptada a cada espacio urbano, de día e de noite.

Todas estas actuacións están encomendadas a unha clara finalidade, que é a mellora da calidade de vida nas cidades e, sobre todo, devolverlle a cidade aos seus habitantes.

Este plan director está dividido en 4 apartados:
1.- Identificación do tipo de lámpadas existentes nas distintas rúas ou vías públicas da cidade.
2.- Niveis de iluminación existentes.
3.- Tipos de actividades sociais, culturais e laborais por área.
4.- Niveis de iluminación propostos.

Os apartados 1 e 2 explican, previa análise, o estado do alumado público do Concello de Vigo:

- Armarios de mando e medida
Existen cadros que sería conveniente revisar e renovar dada a súa antigüidade e estado, ademais de comprobar se o aforro enerxético de aqueles cadros que dispoñen de sistemas de reducción de fluxo, chega ás cifras que se pretendía obter.

- Tipos de lámpada empregados
A existencia dos distintos tipos de lámpada suxire que se ha subordinado a elección do tipo de lámpada á eficiencia enerxética das instalacións. Pero ademais da eficiencia enerxética hai que tamén ter en conta a estética, e dicir, a adecuación o entorno.

- Niveis de iluminación existentes
Os niveis de iluminación medidos son en xeral inadecuados, por excesivos nalgunhas rúas principais, ou naquelas nas que se instalaron elementos non adaptados as necesidades, ou por deficientes noutros casos, o non permitir a realización correcta das tarefas visuais nin aportar a seguridade necesaria. Pero sobre todo hai incoherencia en xeral, e isto se debe fundamentalmente á antigüidade das instalacións e á falta de harmonización nas mesmas.

- Molestias provocadas pola luz desperdiciada
Das medicións realizadas sobre o fluxo emitido ao hemisferio superior en todas aquelas rúas, xardíns e prazas ou inclusive praias que están iluminadas con farois historicistas ou do tipo de globo, despréndese que se exceden os límites establecidos o que fai que resulten bastante deficientes en canto a protección da intimidade dos cidadáns.

- Tipos de soportes e luminarias
Os soportes foron obxecto dunha utilización arbitraria, debido a que os criterios que primaban na adopción de solucións luminotécnicos antigamente obedecían máis a criterios puramente funcionais dando orixe a alturas, tipos, acabados e estilos estéticos totalmente diferentes, o que contribúe a arroxar unha imaxe bastante caótica da cidade, dende o punto de vista estético. Estes erros obedecen ao frecuente costume de ir realizando as instalacións de alumado segundo van aparecendo productos no mercado, sen coherencia e sobre todo sen harmonía ningunha.

O final destes 2 apartados e despois das conclusións aquí enumeradas, este plan director ofrece un guión argumental no que se propoñen combinacións de soportes e luminarias perfectamente identificadas e a cor da luz para os seguintes tipos de vías da nosa cidade:

- Casco Vello e zonas monumentais e arquitectónicas
- Rúas peonís-comerciais
- Avenidas e viarias de acceso/saída e colectoras
- Viarias secundarias e prazas, parques e xardíns
Así, ademais da cor da luz, os niveis, uniformidades e a presencia estética contribuirán a manter o guiado visual.

No apartado 3 proponse, tendo en conta os parámetros da iluminación, para cada área un sistema de iluminación, a cor da luz e o nivel de iluminación:

- Rúas de tráfico predominantemente peonil
Nas zonas do casco vello luminarias tipo farol clásico. Nas zonas urbanos, comerciais ou residenciais, luminarias de alumado urbano de liña estética mais moderna, montadas xa sexan sobre soportes de altura inferior a 5 m ou sobre brazo mural nas fachadas das vivendas que constitúen as rúas.

- Rúas de tráfico mixto de vehículos e peonís
Instalación de luminarias sobre soporte cuxa altura non será superior a 10 m. Estas luminarias responderán estéticamente a liñas sinxelas neutras e estarán provistas dun peche de vidro plano ó obxecto de garantir o cumprimento das limitacións en canto o fluxo ao hemisferio superior, e o mesmo tempo a restricción da penetración da luz a través das ventás das vivendas.

- Parques e xardíns
Luminarias con carácter antivandálico, e que restrinxan estreitamente o fluxo emitido ao hemisferio superior para evitar molestias visuais, anque deberán proporcionar iluminancias semicilíndricas suficientes para o recoñecemento das persoas que se aproximen.

- Parroquias rurais
Empregaranse os soportes do tendido eléctrico de distribución, xeralmente de formigón, para fixar neles as luminarias, que serán sinxelas de liñas e eficientes enerxeticamente, que e a razón primordial deste tipo de alumados. No caso de inexistencia destes soportes do tendido eléctrico, montaranse sobre columnas que non superarán en ningún caso os 8 m de altura.

No apartado 4 fálase sobre como evitar as molestias provocadas polo exceso de luz controlando a emisión luminosa das luminarias.

Tamén a particularización dos sistemas de iluminación propostos, aplicables as distintas zonas da nosa cidade:

- Casco Vello
Respectarase a implantación dos farois existentes, pero dotarase a estes dun conxunto óptico, con lámpada horizontal e aloxada na cúpula do farol para controlar a emisión de fluxo.

Nas prazas ou rúas na que se queira resaltar por algunha razón unha fachada dalgún edificio de índole monumental, procederase á iluminación das fachadas para crear un conxunto ambientalmente coherente, que resalte as características arquitectónicas, mediante o emprego de proxectores miniaturizados que acoplaranse o soporte do propio farol, ou poderán ir incorporados na cúpula dos mesmos.

- Rúas comerciais-peonís do casco urbano
Conxuntos formados por columna recta e luminaria pechada con vidro plano, de estética moderna e agradable durante o día, con sistemas ópticos capaces de controlar o fluxo ao hemisferio superior. A implantación adoptada será a necesaria para conseguir os niveis de iluminación xustificada. En canto á altura de instalación será de 8 m en mestura de tráficos e estará entre os 4 e 6 m, cando o tráfico predominante sexa o peonil.

- Avenidas e rúas de tráfico rodado
Luminarias de tipo funcional, sobre columnas adecuadas na súa combinación de cores no caso das grandes avenidas. Estas columnas incorporarán elementos distintivos tales como o aceiro inoxidable ou o aceiro galvanizado sobre unha base de fundición, e con alturas de 9 a 12 m en arterias principais e de 8 a 9 m nas vías secundarias.

- Parques e Xardíns
Luminarias de estilo clásico ou de deseño moderno montadas sobre columnas de alturas entre os 3,5 e os 6 m, pero preferíndose as alturas baixas.

- Grandes prazas
As prazas que constituian confluencia de varias rúas ou avenidas, como por exemplo a Praza de España, resolveranse mediante conxuntos de deseño esteticamente concibido para resaltar as características do entorno da praza.

- Prazas destinadas ó ocio dos cidadáns
Luminarias de deseño integrable no entorno. Así, si os edificios son de construcción anterior ós anos 50 colocaranse farois clásicos, sobre brazo mural. Se os edificios son modernos, disporanse luminarias de deseño máis moderno.

- Praias e zonas adxacentes
Para corrixir os erros que se cometeron nestas zonas non se empregarán soportes que non sexan homologables, acudindo a solucións estéticas pero non insostibles.

Nas zonas de paseo, poderanse empregar elementos luminosos antivandálicos, pero con un estricto control sobre o fluxo emitido ao hemisferio superior, porque ademais nesas zonas o caso das molestias provocadas pola luz malgastada e aínda mais crítico se cabe, pois é o máis parecido a zonas naturais.

- Zonas portuarias
Sistemas de iluminación que proporcionen o nivel de iluminación adecuado pero sen provocar molestias ós veciños e transeúntes que circulen pola zona, de modo que se consiga un ambiente agradable e atractivo para que recuperen o encanto natural que posúen. Instalaranse luminarias de tipo de deseño similar ós das rúas comerciais-peonís, con alturas de montaxe que non superen os 8 m, e con luminarias de estética non funcional.

-Parroquias rurais
Empregaranse soportes do tendido eléctrico para instalar neles luminarias de tipo funcional de elevado rendemento fotométrico e aptas para pequenas potencias de lámpada.

O plan director do alumado conclúe con propostas de control e xestión das instalacións.

Implantarase un sistema de control e xestión punto a punto das instalacións, prevíndose ademais, naquelas lámpadas que o permitan, un sistema de regulación do nivel luminoso e por tanto do consumo enerxético da instalación.

A adopción deste sistema farase cando exista un sistema de probada fiabilidade e garantindo de modo suficiente para que non provoquen erros indesexables na instalación.

Por todo isto, as luminarias que se instalen dispondrán do espacio físico suficiente para aloxar no seu interior o emisor receptor punto a punto correspondinte ó sistema.

A regulación do nivel luminoso levarase a cabo mediante a implantación dun sistema de cabeceira de liña en tódolos casos, por ser o único sistema que non require a modificación das luminarias en canto ó seu equipo eléctrico nin o tendido dos fíos dun sistema de mando. Este sistema regulador de cabeceira de liña será ademais estabilizador da tensión de alimentación, para evitar un dos maiores problemas de envellecemento acelerado da vida das lámpadas e unha das causas do exceso de consumo nas luminarias.
Descargar todas as imaxes