Escoitar

Limpeza de restos de fuel chegados a Samil

martes, 21 xan 2003
imx2246.jpg
Praia de Samil
Durante toda a mañá 80 persoas, entre operarios municipais e voluntarios xestionados polo Concello de Vigo, recolleron pequenas boliñas de fuel arrastrado polo mar nas praias da Fonte e de Samil.

Os voluntarios peitearon os areais para retirar as galletas de fuel de tamaño dunha moeda. Ademais, estableceuse un servicio de vixilancia na zona porque se teme que o mar, que se encontra moi axitado, siga arrastrando restos de combustible.

O concelleiro Henrique Vieitez coordinou este servicio e explicou que moitas destas galletas de fuel veñen mesturadas con algas debido ao forte mar de fondo que houbo nos pasados días que provocou unha gran resaca.

Por outra banda, mañá preséntase unha exposición subhasta para recaudar fondos de financiación para o mantemento do voluntariado e materiais necesarios para a limpeza das costas. A exposición estará a cargo do concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe, e Paula Mariño, coordinadora da mostra en Vigo.

A exposición estará aberta ata o domingo 2 de febreiro e nela haberá un caderno cos datos de cada obra para que o público poida efectuar unha subhasta silenciosa, anotando no mesmo a poxa que cada un estea disposto a facer.

Entre as máis de 40 obras expostas, destacan pezas de coñecidos artistas como Darío Álvarez Basso, Carlos Crego, Fernando Casás, Roberto González, Alex Mene, Germán Pintos, Paula Mariño, Antón Patiño, Menchu Lamas, Ricart Terré, Din Matamoro ou Alberto Barreiro.

O diñeiro recadado destinarase á Asociación de Cofradías de Pescadores da Costa da Morte, para compra de material de limpeza das costas.
Descargar todas as imaxes