Escoitar

3.000 persoas visitaron xa a páxina web da Concellería de Xuventude

luns, 20 xan 2003
Preto de 3.000 persoas visitaron a web da Concellería de Xuventude do Concello de Vigo (www.xuventudevigo.org) dende a súa inauguración en outubro do ano pasado. As páxinas visitadas polos internautas foron case que 34.000, o que supón unha media de máis de dez por persoa. As noticias consultadas sumaron preto de 5.000, unha media de dúas por visita.

En concreto rexistráronse 2.892 visitantes, que entraron en 33.771 páxinas e consultaron 4.776 noticias. Os horarios de máis consultas foron de 11 a 13 horas e de 18 a 19 horas (a hora de inicio da tarifa plana en intenet).

A páxina web de Xuventude foi presentada polo concelleiro, Santiago Domínguez, o pasado mes de novembro. Por unha banda, informa de tódolos servicios e programas da Concellería, coma información xuvenil, a Casa da Xuventude, as ludotecas, Mirarte, Toca Vigo, Factoría de ideas, Noites Vivas, Tardes Vivas e Súbete ó Castro.

Por outra banda, a web recolle as principais convocatorias que poden interesar ós mozos (voluntariado, premios e concursos, cursiños e xornadas, axudas e subvencións) e ofrece información sobre temas coma educación, emprego, drogas, sexo, ocio e tempo libre e vivenda. No eido do sexo, hai un consultorio sexual atendido por profesionais do Centro Xove de Saúde Sexual e Anticoncepción Alecrín, con menxases absolutamente confidenciais e que está a ser moi demandado polos mozos. No eido da vivenda, infórmase do Plan de Vivenda 2002-2005 e do programa de vivenda compartida entre persoas maiores e estudiantes posto en marcha pola ONG Solidarios para o Desenvolvemento, con sede na antiga Facultade de Química. Tamén se informa da Escola Obradoiro Bidueiro II, pola que 48 mozos desempregados están a restaura-lo parque do Castro.

Finalmente, hai un apartado de novas de actualidade e un foro para deixar opinións e anúnciase en breve un chat co concelleiro.