Escoitar

O luns remata o prazo de presentación de obras para o concurso carteis do Entroido

venres, 17 xan 2003
O luns, 20 de xaneiro, ás 14.00 horas, finalizará o prazo de recepción de carteis convocado pola Concellería de Festas e Animación Sociocultural no que se anunciarán as festas do Entroido que se celebrarán do 1 ó 5 de marzo.

O xa tradicional concurso, que con esta celebra a súa XVII edición, está dotado dun primeiro premio de 2.400 euros (400.000 pesetas) e tres accésit de 300 euros cada un deles. Como en edicións anteriores, o obxecto deste concurso é seleccionar unha obra que represente as festas do Entroido vigués e que acolla o programa oficial no que se difundan as actividades previstas para estes festexos, entre o 1 e o 5 de marzo.

Ademais, algunhas destas obras poderán ser empregadas para a realización dunha exposición cos mellores carteis do Entroido desde ano.

O xurado que se encargará de decidir o nome do gañador estará presidido pola concelleira de Festas e tres persoas máis: un membro da comisión organizadora do Entroido 2003 e dúas personalidades relacionada co mundo das artes ou da imaxe.

As persoas que aínda queiran sumarse ó concurso poden recoller as bases no departamento de Festas e Animación Sociocultural do Concello de Vigo.