Escoitar

Electromecánicos aplica un sistema que favorece o aforro enerxético e económico no alumeado público

xoves, 16 xan 2003
A Concellería de Electromecánicos instalou 50 cadros eléctricos con equipos de estabilizadores/reductores en varias zonas do municipio. A implantación deste sistema serve para prolongar a vida das luminarias e estabilizar a tensión e isto supón un aforro medio do 26% de enerxía.

Estes equipos de estabilizadores/reductores fixan a tensión, alargando así a vida das luminarias: ademais reducen a tensión de traballo o que diminúe a intensidade e a potencia, reducindo así o consumo. O horario de reducción é a partires das 24.00 horas ata o amencer, xa que estas horas son de escasa incidencia para os cidadáns.

A través destes equipos de estabilizadores/reductores conseguiuse este ano un aforro enerxético de 734.089 kWh, que supuxo un aforro de 54.857 euros. En total, con este sistema prodúcese un aforro medio dun 26%.

Autómatas conectados para regular o encendido e apagado do alumeado

Algúns destes cadros eléctricos teñen autómatas incorporados que están conectados a un ordenador na Concellería de Electromecánicos. Dende este ordenador regúlase o encendido e apagado do alumeado público, ademais de controlar, a través dunha alarma, os valores mínimos e máximos da tensión, intensidade e potencia da instalación e detecta cando se abre a porta dalgún destes cadros. Ademais, tamén se controla o consumo, é dicir, se por exemplo se detecta un aumento de consumo nun cadro, o técnico que manexa este ordenador sabe que alguén fixo unha conexión ilegal ao alumeado público.

Este sistema de control non e unha innovación pero aínda non se está aplicando en tódolos municipios. A Concellería de Electromecánicos ten previsto seguir colocando estes cadros eléctricos con equipos estabilizadores/reductores, xa que están dando uns resultados moi favorables.