Escoitar

O goberno local completa a humanización da rúa Brasil e inicia a próxima semana outras catro reformas

O alcalde visitou este venres a rúa Brasil, que finalizou recentemente a súa humanización cun investimento total de 2 millóns de euros a cargo do Concello de Vigo. O goberno da cidade, explicou Caballero, ultima a tramitación administrativa para comezar "a próxima semana" os traballos de mellora de María Berdiales, Gregorio Espino, Gerona e a terceira fase da rúa Aragón.

venres, 6 feb 2015
1423228149brasil.JPG
O alcalde de Vigo indicou esta mañá que o goberno local vén de completar a humanización de toda a rúa Brasil, cun investimento municipal de 2 millóns de euros. Caballero visitou o vial acompañado pola tenente de alcalde, Carmela Silva, o segundo tenente de alcalde, Carlos Font, o concelleiro de Fomento, David Regades, e a edil de Educación, Olga Alonso.

A reforma da rúa Brasil, "unha das humanizacións excepcionais da cidade de Vigo", en verbas de Caballero, foi executada polo Concello en tres fases e supuxo unha renovación completa das redes soterradas de servizos (abastecemento e saneamento), a instalación de puntos de luz, papeleiras, bancos, xardineiras e elementos de aforro enerxético como placas solares.

Por outra banda, o alcalde informou dos principais asuntos abordados na sesión desta mañá da Xunta de Goberno Local, como o nomeamento das direccións facultativas e dos coordinadores de seguridade e saúde de catro novas humanizacións, que comezarán "a próxima semana", por importe superior ao millón de euros: María Berdiales, Gregorio Espino, Gerona e a terceira fase da reforma de Aragón.

En María Berdiales o Concello acometerá unha renovación integral do pavimento, beirarrúas e calzada, renovará as instalacións e mellorará o mobiliario urbano, sumando novo arborado, xardineiras, bancos e papeleiras, por importe próximo aos 650.000 euros. A terceira fase de Aragón supón un investimento de 212.000 euros, mentres que a rúa Gerona -entre a Gran Vía e Alfonso X- levará un orzamento de case 250.000 euros. Por último, o goberno de Vigo continuará coa humanización da Avenida Gregorio Espino, investindo 271.000 euros.
Descargar todas as imaxes