Escoitar

O Concello solicitará a cesión da competencia sobre o río Lagares

Así o informou este xoves o alcalde de Vigo logo dunha visita con escolares ao humidal da Bouza pola conmemoración do Día Mundial dos Humidais. Abel Caballero asegurou que a cidade ten a capacidade técnica, económica e a sensibilidade ambiental necesaria para asumir a competencia, que reclama para o municipio sen contrapartida económica.

xoves, 5 feb 2015
1423143217humedal.JPG
O alcalde de Vigo solicitou esta mañá a transferencia da competencia sobre o río Lagares, que a Xunta de Galicia ceda sen partida económica ao Concello a súa responsabilidade xa que a cidade conta coa capacidade técnica, económica e a sensibilidade ambiental para asumila. Na súa opinión, este río que nace e desemboca en Vigo, ten que "ser tratado como se merece". Avogou por cambiar leis que permitan esta cesión, se fora preciso, para que esta "unha xoia medioambiental" sexa competencia exclusiva do Concello. En declaracións aos medios, Caballero reinvindicou o dereito da cidade de manter "máis limpo" o Lagares así como poder sancionar "aos que agreden ao río".

Caballero fixo estas declaracións esta mañá no humidal da Bouza, coincidindo coa visita de 100 alumnos de Primaria dos centros Virxe do Rocío e Seis do Nadal como parte dunha campaña municipal de divulgación e sensibilización polo Día Mundial dos Humidais, que tivo lugar o pasado 2 de febreiro. En total, máis de 1.000 escolares de Primaria e Secundaria de todos os colexios públicos participan nesta iniciativa medioambiental, visitando algún dos humidais da cidade: A Bouza, Goberna, Muíños, O Vao, Barreiro, Fontes Pertegueiras e a Xunqueira do Lagares -en plena recuperación grazas á nova depuradora-. Vigo suma máis de 300.000 metros cadrados de superficie de zona húmida.

Segundo explicou Caballero, o goberno local elaborou materiais para os centros educativos baixo o lema "As zonas húmidas coidan da auga", repartidos en 86 centros para 16.000 estudantes.

O goberno local leva máis de cinco anos traballando na catalogación, protección e divulgación dos humedais, subliñou o rexedor vigués, onde profesionais e voluntarios medioambientais do Concello retiran residuos, eliminan prantas invasoras e reprantan especies autóctonas. Vigo conta con 600 voluntarios ambientais inscritos no rexistro municipal dos que máis de 100 traballan periódicamente en humidais.

Algúns dos efectos desta conservación, exemplificou, xa se notan no cambio de hábitats dos patos, que no inverno están no humedal de A Bouza e no verán marchan para o río Lagares. Para facilitar ese tránsito, lembrou o rexedor, o Concello colocou o ano pasado na rúa Padre Seixas sinais de tráfico alertando aos conductores da presenza destas aves na estrada ás que se lles confire paso preferente.
Descargar todas as imaxes