Escoitar

O Concello reclamará ante a Xunta de Galicia o perxuizo económico da suba do canon de SOGAMA

Caballero anunciou este venres a decisión, baseada nos informes xurídicos, de iniciar a avaliación económica dos perxuizos producidos á facenda municipal pola suba do canon de SOGAMA, decidida pola Xunta de Galicia na Lei de Orzamentos, para posteriormente proceder á reclamación patrimonial por danos contra o executivo autonómico.

venres, 16 mai 2014
Abel Caballero recordou que a suba do canon de SOGAMA para o tratamento dos residuos responde á aplicación da disposición adicional 21ª da Lei de Orzamentos de Galicia, un "incremento importantísimo" do "altera o prezo privado" que paga o Concello á entidade.

O alcalde explicou que o goberno que encabeza encargou un informe xurídico, que indica que "cabería a posibilidade de presentar unha reclamación de responsabilidade patrimonial, pola vía da denominada responsabilidade do estado lexislador". Continúa Caballero citando o texto dos técnicos municipais, que sinala que, "no caso da fixación dun canon unitario de tratamento por tonelada de residuo sen considerar as situacións xurídicas individualizadas preexistentes, como é a do Concello de Vigo, que ten asinado un contrato con SOGAMA cun prezo certo e determinado considerablemente inferior ao fixado por dita lei, pode supoñer un dano antixurídico avaliable economicamente susceptible de indemnización".

O Concello, atendendo ao informe xurídico, acorda inicar o expediente de avaliación económica dos perxuizos producidos á facenda municipal e posterior reclamación patrimonial por danos contra a Comunidade Autónoma lexisladora. A decisión municipal tamén inclúe instar á Federación Galega de Municipios e Provincias a que promova unha comisión de traballo cos actores máis relevantes para avaliar técnicamente a situación económico-financeira de SOGAMA de presente e futuro así como as alternativas posibles.