Escoitar

O Concello aproba unhas contas que incrementan un 12% os recursos para protección social e emprego

A Xunta de Goberno Local deu luz verde este venres ao orzamento municipal deste ano, 228 millóns de "profundo contido social e xeración de emprego", indicou o alcalde, quen informou da reserva de 19,1 millóns para protección social e emprego, case un 12% máis que en 2013, e 11,3 millóns de investimentos. O Concello inclúe 700.000 euros para bolsas de inglés.

venres, 4 abr 2014
1396612656alcalde6.jpg
En rolda de prensa, Abel Caballero presentou o orzamento municipal de 2014 aprobado polo goberno local este venres, un documento que se eleva ata os 228 millóns de euros, con 19,1 millóns para protección social e xeración de emprego e 11,3 millóns para investimentos.

"Onde máis crece o gasto é nos servizos de protección social e emprego", subliñou Caballero, incrementado en case que un 12% sobre o pasado exercicio, ata os 19,1 millóns, dous millóns máis que en 2013. O rexedor salientou asemade a reserva de 2 millóns de euros para apoiar ás familias sen recursos co pago doaluguer, dos alimentos e da enerxía, ademáis de dotar con preto de 1,5 millóns de euros á tarxeta da dignidade para a compra de comida.

Singularmente, o Concello destina 5,4 millóns para fomento de emprego -unha cifra que practicamente triplica á de hai tres anos- e Políticas de Benestar crece ata os 11,5 millóns, un 22,5% máis que no 2013 e máis do dobre do orzamentado no ano 2008. Abel Caballero fixo fincapé nas subvencións municipais a comedores e organizacións sociais, que pasaron de 1,5 millóns a 4,1 millóns nos últimos tres anos.

A prestación de servizos básicos incrementa un 0,91% as súas partidas (abastecemento, saneamento, recollida e tratamento de residuos, servizos de extinción de incendios, seguridade e orde público, xardíns e alumeado público), o bloque de educación, cultura e deporte tamén sae reforzado sobre o pasado ano cun aumento do 4,5% e o comercio e turismo sube un 7,3% sobre o pasado ano, incorporando 200.000 euros para o proxecto de converter ás Illas Cíes en Patrimonio da Humanidade. As contas municipais recuperan asemade as bolsas de inglés para estudantes con 700.000 euros, e incrementa a subvención aos usuarios do autobús urbano ata os 12 millóns.

A nivel financeiro, o alcalde de Vigo explicou que o custo da débeda baixou un 30,7% sobre 2013, pasando de 11,3 a 7,8 millóns, "resultado da política de sobriedade" na xestión económica, e recordou que no ano 2008 a cifra era de 19 millóns. Por outra banda, o Concello ve mermados este ano os seus ingresos: 2,6 millóns menos de transferencias do Goberno de España, 2,5 millóns polo incremento do canon de SOGAMA e 1,6 millóns resultantes de conxelar o goberno de Vigo as taxas, impostos e prezos públicos.

Ve o alcalde unha "magnífica cuestión ter un orzamento e ademais un orzamento pactado", en referencia ao acordo acadado entre os grupos socialista e popular, e valorou de "histórico" o respaldo previsto no Pleno de 24 dos 27 concelleios da Corporación Municipal, "a maior votación que terá ningún orzamento na historia da cidade de Vigo".
Descargar todas as imaxes