Escoitar

Inaugúrase a rúa Londres, nas inmediacións do Marco

venres, 29 nov 2002
imx2063.jpg
Arnold, De Acosta e Príncipe
Os concelleiros de Cultura de Vigo e Londres, Carlos Príncipe e Jennette Arnold, descubriron a placa que dá nome á rúa Londres situada nas inmediacións do Museo de Arte Contemporánea. Príncipe destacou que a liberdade e a igualdade de oportunidades son cualidades que ofrecen ambas cidades europeas.

Príncipe afirmou que Londres é unha urbe moderna que marca o futuro europeo e que, no pasado, ensinou os vigueses a ser competitivos polo que Vigo se converteu na capital do traballo e do esforzo.

Jennette Arnold sinalou que Vigo Street en Londres é céntrica, moi transitada e está próxima á Royal Academy of Arts a semellanza da rúa Londres en Vigo. Púxoselle o nome de Vigo Street tralos acontecementos da Batalla de Rande hai 300 anos. ”Este acto é un sinal de que Londres e Vigo están unidos pola busca da calidade de vida, de acceso á cultura e da creación de emprego para a mocidade relacionado coa actividade artística”, afirmou Arnold. Ademais, amosou a súa solidariedade cos galegos afectados polo desastre ecolóxico do Prestige.

O embaixador do Reino Unido, Peter Torry, agradeceulle á Corporación municipal o acordo de nomear así esta rúa e incidiu na necesidade de aunar esforzos para conseguir unha normativa europea que impida que volva acontecer unha catástrofe ecolóxica semellante á da marea negra fronte as costas galegas.

PLANO DE LONDRES
Descargar todas as imaxes