Escoitar

Estatutos da Fundación Marco

martes, 22 out 2002

TÍTULO I

DISPOSICIÓNS XERAIS

Artigo 1. Natureza xurídica, denominación e réxime xurídico.
Artigo 2.Personalidade e capacidade xurídica
Artigo 3.Ámbito e domicilio

TÍTULO II
OBXECTO E FINS DA FUNDACIÓN MARCO

Artigo 4. Obxecto da Fundación Marco

TÍTULO III
DAS ENTIDADES FUNDADORAS E BENEFACTORAS

Artigo 5. Entidades fundadoras
Artigo 6. Dotación fundacional
Artigo 7. Entidades benefactoras
Artigo 8. Dereitos e obrigas
Artigo 9. Separación das entidades benefactoras

TÍTULO IV
GOBERNO DA FUNDACIÓN MARCO

Artigo 10. Órganos da Fundación Marco

CAPÍTULO I.- O PADROADO
Artigo 11. Natureza
Artigo 12. Composición do Padroado
Artigo 13. Presidente/a de Honor
Artigo 14. Presidente/a
Artigo 15. Vicepresidente/a
Artigo 16. Vocais
Artigo 17. Funcións do Padroado
Artigo 18. Funcionamento, convocatoria e acordos
Artigo 19. Secretario/a

CAPÍTULO II.- O DIRECTOR/A
Artigo 20. O Director/a
Artigo 21. Funcións

CAPÍTULO III.- ÓRGANOS COMPLEMENTARIOS
Artigo 22. Órganos complementarios
Artigo 23. Comisión asesora
Artigo 24. Funcións da comisión asesora
Artigo 25. Asociación de Amigos do Museo de arte Contemporánea de Vigo

TÍTULO V
RECURSOS DA FUNDACIÓN MARCO

Artigo 26. Destino de rendas e ingresos
Artigo 27. Financiación dos gastos derivados de funcionamento do MARCO

TÍTULO VI
RÉXIME PATRIMONIAL, FINANCEIRO E CONTABLE

Artigo 28. O patrimonio
Artigo 29. Réxime de recursos económicos
Artigo 30. Orzamento
Artigo 31. Réxime financeiro

TÍTULO VII
RÉXIME INTERNO E DE PERSOAL

Artigo 32. Regulamento de réxime interno
Artigo 33. Réxime de persoal

TÍTULO VIII
MODIFICACION E EXTINCIÓN DA FUNDACIÓN MARCO

Artigo 34. Modificación dos estatutos
Artigo 35. Extinción da Fundación Marco
----------------------------------------------

TÍTULO I
DISPOSICIÓNS XERAIS


Artigo 1.- Natureza xurídica, denominación e réxime xurídico

1. Ó abeiro do dereito recoñecido no art. 34.1 da Constitución e sen prexuizo de que no mesmo senso se reflicte na Carta Fundacional. O Concello de Vigo, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e a Caixa de Aforros de Vigo, Ourense e Pontevedra –CAIXANOVA- constitúen unha organización de natureza fundacional de interese galego e natureza cultural, de carácter permanente e de duración indefinida, que se denominará “Fundación Marco”.

2. A Fundación Marco rexerase pola vontade dos fundadores manifestada nestes estatutos, pola Lei 7/1983, do 22 de xuño, de fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro e polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, e polas demais disposicións legais e regulamentarias que lle foran de aplicación.

Así mesmo, tamén se rexerá polas disposicións que lle sexan aplicables da Lei 30/1994, do 24 de novembro, sobre fundacións e de incentivos fiscais á participación privada en actividades de interese xeral, o Real decreto 316/1996, do 23 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de fundacións de competencia estatal, ou polas disposicións que o substitúan.

Artigo 2.- Personalidade e capacidade xurídica

1. Para o cumprimento dos seus fins a Fundación Marco terá plena capacidade xurídica e de obrar, para o que poderá realizar tódolos actos necesarios, sen outras limitacións que as expresamente impostas polas disposicións legais aplicables a esta clase de fundacións e polos presentes estatutos.

2. A Fundación Marco adquirirá personalidade xurídica dende a inscrición da escritura pública de constitución no Rexistro de Fundacións da Xunta de Galicia, sen prexuízo da validez das actuacións imprescindibles realizadas durante a súa formación, que se entenderán asumidas automaticamente por esta, unha vez inscrita.


Artigo 3.- Ámbito e domicilio

1. A Fundación Marco densenvolverá principalmente as súas actividades na Comunidade Autónoma de Galicia, sen prexuizo de que, no que se refire ás súas actividades culturais, poida exceder este ámbito territorial.

2. A Fundación Marco terá a súa sede e desenvolverá as suas actividades no edificio, de propiedade municipal, destinado ó Museo de Arte Contemporánea de Vigo, de naturaleza demanial adscrito a un servicio público, sito na rúa do Príncipe, nº 54 desa cidade. O Padroado poderá promove-lo cambio de domicilio mediante a oportuna modificación estatutaria con inmediata comunicación ó Protectorado, reforma prevista na lexislación vixente.

3. O Padroado da Fundación Marco poderá establecer sedes ou delegacións temporais ou permanentes noutras cidades ou municipios en atención ó mellor cumprimento dos fins que lle son propios. Estes acordos, de producirse, serán comunicados de modo inmediato ó Protectorado.

TÍTULO II
OBXECTO E FINS DA FUNDACIÓN MARCO

Artigo 4.- Obxecto da Fundación Marco

1. A Fundación Marco ten por obxecto:

A Fundación estará dedicada á realización de actividades culturais de investigación, educación, formación, conservación, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporánea, con particular atención á producción artística da Comunidade Galega, así como a estatal e internacional, mediante a adquisición, a conservación, o estudio, a exposición e interpretación educativa de obras de arte contemporánea, ó tempo que deberá impulsa-la estimulación da sensibilidade da sociedade cara á cultura actual.

2. Para a realización do obxecto descrito a Fundación Marco poderá:

1) Organizar e levar a cabo exposicións e actividades culturais encamiñadas ó coñecemento e a difusión da arte e da cultura contemporáneas, tanto estatal como internacional, considerando tódalas formas de expresións artística, en particular, os novos procesos de creación, producción e distribución das artes e da cultura actual.

2) Constituír e custodiar unha colección museística representativa da arte contemporánea estatal e internacional, así como tódalas funcións museográficas asociadas con esta función como a conservación, catalogación, restauración, investigación e exhibición ordenada desta.

3) Poñer en funcionamento un centro de documentación con fondos bibliográficos, documentais, audiovisuais e musicais que faciliten a conexión e a difusión da cultura contemporánea.

4) Desenvolver unha función activa na promoción do consumo de bens culturais en tódolos sectores da sociedade mediante programas de formación e de educación para persoas adultas e actividades didácticas para nenos/as encamiñadas a potencia-la capacidade de participación das persoas na vida social e cultural da cidade.

5) Fomentar e difundi-las iniciativas de investigación en tódolos ámbitos das artes plásticas, en particular, das tendencias máis anovadoras da arte contemporánea e das novas formas de expresión artística audiovisual e na rede.

6) Fomenta-las iniciativas de formación profesional en tódolos ámbitos das artes plásticas.

7) Potencia-los mecanismos necesarios para a elaboración e publicación de fondos bibliográficos e documentais sobre as actividades da Fundación Marco, tanto en papel como na rede.

8) Potencia-la creación dunha “Asociación de Amigos do Marco. Museo de Arte Contemporánea de Vigo” que facilite a comunicación e interrelación do centro cos cidadáns e cidadás.

9) Potencia-los mecanismos de comunicación, interrelación e coñecemento entre as iniciativas culturais e contemporáneas do país e os movementos creativos contemporáneos internacionais que permitan situa-la cidade de Vigo e a Fundación Marco dentro dos circuítos culturais internacionais, establecendo relacións de cooperación con outros museos, centros de arte e institucións culturais estatais e internacionais.

10) Calquera outro fin relacionado cos anteriores que acorde o Padroado.


TÍTULO III
DAS ENTIDADES FUNDADORAS E BENEFACTORAS

Artigo 5.- Entidades fundadoras

Son entidades fundadoras da Fundación Marco, e como tales figurarán na escritura pública da Carta Fundacional que se outorgue, aquelas que constitúen e crean a Fundación. Constitúen e crean a Fundación Marco, e polo tanto son entidades fundadoras, o Concello de Vigo, Caixanova, a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

As entidades fundadoras formarán parte do Padroado da Fundación Marco en virtude da súa aportación e do seu compromiso estable co desenvolvemento desta e na medida que cumpran coas condicións que os presentes estatutos establecerán para a adquisición de tal condición.

Artigo 6.- Dotación fundacional

No momento do outorgamento da carta fundacional, as entidades fundadoras deberán realizar unha aportación inicial, en concepto de dotación patrimonial.

A devandita aportación consiste nun capital total de 24040.48 € aportados da seguinte forma:

1) Por parte do Concello de Vigo:

Como dotación inicial o Concello de Vigo aporta á Fundación inicialmente, e sen prexuízo de posibles aportacións periódicas posteriores, un capital de 6.010,12 €.

2)Por parte das outras tres entidades fundadoras:

- Como dotación inicial CAIXANOVA aporta á Fundación inicialmente, e sen prexuízo de posibles aportacións periódicas ou extraordinarias posteriores, un capital de 6.010,12 €.

- Como dotación inicial a Xunta de Galicia aporta á Fundación MARCO inicialmente, e sen prexuízo de posibles aportacións periódicas ou extraordinarias posteriores, un capital de 6.010,12 €.

-Como dotación inicial a Deputación de Pontevedra aporta á Fundación inicialmente, e sen prexuízo de posibles aportacións periódicas ou extraordinarias posteriores, un capital de 6.010,12 €.

Artigo 7.- Entidades benefactoras

Considéranse entidades benefactoras as persoas naturais ou xurídicas (públicas ou privadas) que manifestan de maneira fideligna o seu interese en colaborar económicamente e de forma activa no desenvolvemento dos fins fundacionais da Fundación Marco.

A solicitude de ingreso, dirixida ó Presidente do Padroado, debe ser aprobada polo Padroado da Fundación por maioría de dous tercios, e estará supeditada a que se realice a aportación que se considere suficiente, que se destinará a sufraga-los gastos correntes-ordinarios ou extraordinarios- orixinados polo desenvolvemento dos fins da Fundación Marco.

A solicitude de ingreso irá acompañada, se é o caso, de certificación do acordo adoptado polo máximo órgano de representación e deberá manifesta-la a vontade de adhesión a estes estatutos e ás normas que os desenvolven, así como ás demais disposicións aplicables, co compromiso de asumi-los dereitos e as obrigas inherentes.

A totalidade das entidades benefactoras poderán designar un vocal no Padroado da Fundación

Artigo 8.- Dereitos e obrigas

As entidades fundadoras e as entidades benefactoras teñen os seguintes dereitos e obrigas:

1) Cumpri-los estatutos e acordos que, de forma válida, se adopten.

2) Formar parte e asistir con voz e voto ás reunións dos órganos nos que estéan representados conforme a estes estatutos.

3) Satisface-las achegas ordinarias e extraordinarias que se establezan.

4) Participar nos órganos complementarios, que de se-lo caso se creen, na forma que se determine.

5) Recibir información por medio dos seus representantes e obtela estes para si no exercicio interno das súas funcións.

Artigo 9.- Separación das entidades benefactoras

1.A separación das entidades benefactoras da Fundación Marco, decidirase trala comunicación expresa ó Padroado.

2. O Padroado poderá decidir-la separación destas entidades, en caso de incumprimento notorio e reiterado das súas obrigas, trala instrucción do expediente coa audiencia da entidade afectada, sempre que esta fose requirida para o efecto.

3. Non será preciso requirimento previo no caso de actos que afecten gravemente ó interese xeral e ós fins da Fundación. Será precisa a concesión de audiencia no expediente que ó respecto se instrúa.

4. O incumprimento de obrigas para coa Fundación non será determinante da separación se a entidade cumprise voluntariamente as obrigas contraídas, aínda que fose de forma extemporánea.

5. Unha vez decidida a separación dunha entidade da Fundación, esta cesará inmediatamente de estar representada nos órganos de goberno.

TÍTULO IV
GOBERNO DA FUNDACIÓN MARCO

Artigo 10.- Órganos da Fundación Marco

1. Órgano de goberno: A Fundación Marco estará rexida polo seu Padroado, órgano de goberno integrado polo/a presidente/a, o/a vicepresidente/a e os/as vocais.

2. Órgano de xestión: será o/a director/a da Fundación Marco.

CAPÍTULO I. O PADROADO

Artigo 11.- Natureza

1. O Padroado é o órgano de goberno, representación e administración da Fundación Marco. Exercerá as funcións que lle corresponden con suxeición ó disposto no ordenamento xurídico e nos presentes estatutos.

2. O Padroado é titular exclusivo de tódalas facultades que no dereito sexan precisas para o eficaz desenvolvemento dos fins fundacionais. Correspóndenlle, con carácter enunciativo, as recollidas nestes Estatutos (art. 17) e a interpretación dos mesmos. Todo isto sen menoscabo de que o protectorado exerza as facultades que a lexislación vixente lle atribúe sobre as fundacións privadas.

Artigo 12.- Composición do Padroado

1. O Padroado estará integrado por un mínimo de dez (10) e un máximo de catorce (14) membros que son os seguintes:

-Presidente/a. Será o alcalde-presidente/a do Concello de Vigo.

-Vicepresidente/a. Será nomeado/a por unanimidade polos patróns fundadores entre os/as vocais designados polas entidades fundadoras.

-Vocais. Serán un mínimo de nove (9) e un máximo de trece (13) membros

2. A duración do mandato dos membros do Padroado será de 4 anos renovables. Poderán ser reelixidos indefinidamente por períodos iguais de tempo.

3. Para inicia-lo exercicio das súas funcións os membros do Padroado deberán acepta-lo nomeamento que se fará constar mediante certificación do Padroado coas sinaturas do Presidente e Secretario dando traslado desta certificación ó Rexistro de Fundacións. Previamente o Presidente deberá facer consta-la súa aceptación na carta fundacional ou en documento público independiente.

Producida unha vacante, o Padroado designará unha persoa para ocupala no prazo máximo dun mes.

Outorgada a escritura pública fundacional o Presidente do Padroado convocará sesión constitutiva a fin de que na mesma os vocais designados polas entidades fundadoras acepten o seu nomeamento, designen ó Director/a da Fundación, ó Secretario/a do Padroado e adopten os acordos necesarios para a posta en marcha da Fundación. Actuará como Secretario nesta sesión o que o sexa do Concello de Vigo.

Artigo 13.- Presidente/a de Honra

Poderá nomearáse un/a Presidente/a de Honra entre persoas de reconocido prestixio da Comunidade Galega. Este cargo terá carácter honorífico.

Artigo 14.- Presidente/a

Correspóndenlle ó presidente/a do Padroado as seguintes funcións:

1) Exerce-la representación da Fundación e do seu Padroado.

2) Convocar, presidir, suspender e levanta-las sesións, arbitra-las deliberacións do Padroado e desface-los empates co seu voto de calidade.

3) Autoriza-la asistencia doutras persoas ás reunións do Padroado se a súa presencia se considera conveniente pola natureza das cuestións que se vaian debater.

4) Exercer, en caso de urxencia, toda clase de accións, excepcións e recursos xudiciais e administrativos en defensa dos dereitos e intereses da Fundación e informar disto na primeira sesión que realice o Padroado.

5) Calquera outra función que lle sexa validamente encomendada ou delegada polo Padroado.

Artigo 15.- Vicepresidente/a

Son funcións do/a vicepresidente/a:

1) Substituír ó presidente/a e exerce-las funcións no caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
2) Aquelas que por escrito lle sexan delegadas polo presidente/a.

Artigo 16.- Vocais

O Padroado terá un máximo de trece (13) vocais.

1. Un máximo de nove (9) vocais designados/as polas entidades fundadoras en atención ó seu compromiso estable coa Fundación e en función da súa achega.
: O Pleno do Concello de Vigo designará tres (3) vocais.
: Caixanova designará tres (3) vocais.
: A Xunta de Galicia designará dous (2) vocais.
: A Deputación de Pontevedra designará un (1) vocal.

2. As entidades benefactoras poderán designar un vocal (1) no Padroado da Fundación, que será elixido tras votación realizada para tal efecto entre todos eles comunicando a designación ó Padroado. Será representante nomeado por un período de 4 anos, e poderá ser reelexido. O seu nomeamento deberá ser ratificado polo Padroado.

3. Padroado poderá nomear ata tres (3) patróns/nas de honra. Serán membros de honor aquelas persoas físicas ou xurídicas que, en virtude de acordo motivado pola maioría absoluta dos membros do Padroado, e en atención os seus relevantes méritos ou servicios para os fins propios da Fundación asi se designen.

4. A designación, tanto do/a representante das entidades benefactoras coma dos/as tres patróns/oas de honra, terá lugar con posterioridade ó outorgamento da carta fundacional.

5. É automático o cesamento dos/as vocais no Padroado cando cesasen nas súas respectivas entidades. Estas deberán nomea-lo/a substituto/a coa maior brevidade posible. Tamén cesarán por petición propia ou cando sexan substituidos pola entidade que representen. En tales supostos a designación de quen os/as substitúa operará por un período de tempo igual ó que reste ata a seguinte elección da súa entidade.

6. Cando se acumulen ceses como consecuencia de ceses nas respectivas entidades o Padroado continuará no exercicio das súas funcións ata a nova constitución resultante á procura de xestionar con plenitude a totalidade das actividades ordinarias e de trámite e diferi-las cuestións transcendentais en tanto fose posible, agás que lles poidan afectar ós intereses xerais e fins da Fundación.

7. En todo caso os membros do Padroado cesarán cando se produza algún dos supostos previstos no art. 12.1 do D. 248/1992, de 18 de xuño.

8. Os vocais e os demais membros do Padroado están obrigados a:

a) Cumprir e facer cumprir estrictamente os fins fundacionais de acordo co disposto nos Estatutos da Fundación.
b) Conserva-los bens e dereitos que integran o patrimonio da Fundación e manter plenamente a productividade destes, segundo os criterios financieiros e de acordo coas circunstancias económicas.

c) Servi-lo cargo coa dilixencia dun administrador leal, segundo o estableza a lei e os estatutos.

Artigo 17.- Funcións do Padroado

Ó Padroado correspóndenlle as facultades seguintes:

1) Acorda-la modificación dos estatutos e a transformación da Fundación Marco coas limitacións establecidas na lexislación vixente (Art. 38 do Regulamento de Organización e Funcionamento das Fundacións de interese Galego).

2) Aproba-lo orzamento ordinario de cada exercicio e os extraordinarios (se os houbese), o inventario, a memoria anual de actividades, as tarifas, os prezos e o balance e contas de resultados.

3) Aproba-los plans xerais de actuación e o calendario anual de actividades propostas polo director/a, e velar polo cumprimento dos fins da Fundación Marco, garantindo a continuidade da misión, o mandato e os propósitos cos que se crea a Fundación Marco.

4) Aproba-las propostas do/a Director/a no tocante ás adquisicións de obras para a colección, así como a recepción de subvencións, doazóns, legados ou otras achegasrealizadas por entidades públicas ou privadas.

5) Aprobación do Regulamento de Réxime Interno e de Servicios.

6) A aprobación do cadro de persoal, fixando os criterios da súa selección, e o nomeamento, separación, ou cesamento do persoal directivo de acordo coa lexislación vixente, cos presentes estatutos e co Regulamento de Réxime Interno.

7) Nomeamento dos/as censores/as de contas e aprobación destas.

8) Aproba-las concesións, concertos e convenios coas diferentes entidades públicas ou privadas sobre instalacións de servicios que se establezan no recinto museístico, así como as súas condicións económicas e técnicas, de acordo coa lexilación vixente e os presentes estatutos.

9) Aproba-la admisión de membros benefactores nas súas distintas modalidades, e separación destes, así como o nomeamento e cesamento dos/as expertos/as que constitúen a comisión asesora por proposta do/a director/a e trala ratificación do presidente/a.

10) Acorda-lo exercicio de accións en nome da Fundación Marco perante calquera órgano xudicial, arbitral ou administrativo en tódalas súas instancias, xurisdiccións e graos, outorgando os poderes para o efecto en defensa dos dereitos e intereses da Fundación Marco.

11) Delegar no director/a, ata o límite fixado polo Padroado, a contratación de obras, servicios e subministros para o deselvolvemento da programación aprobada polo Padroado.

12) Aproba-las operacións de crédito, acudindo ó crédito oficial, ó público ou a préstamos de entidades bancarias ou de aforros e concretar operacións de tesourería.

13) Adquisición, administración e disposición de bens mobles e inmobles nos termos establecidos polas leis e nos presentes estatutos.

14) Nomea-lo/a e cesa-lo/a director/a da Fundación Marco, que será proposto polo Concello de Vigo, de común acordo coas entidades fundadoras.

15) Con suxeición á normativa vixente, o Padroado poderá conferir apoderamentos ou delega-las súas funcións no presidente/a, vicepresidente/a e director/a da Fundación Marco, así como encomendar a algún dos seus membros aspectos concretos da xestión. As delegacións e apoderamentos deberán inscribirse no Rexistro de Fundacións. En ningún caso serán delegables as funcións que se indican no art. 14.4 da Lei 7/1983 modificada pola Lei 11/91.

16) En todo caso o Padroado na súa actuación someterase ó réxime de autorizacións previsto no Decreto 248/1992.

Artigo 18.- Funcionamento, convocatoria e acordos

1. Periodicidade das sesións

O Padroado reunirase en sesión ordinaria polo menos unha vez ó trimestre.

O/a presidente/a poderá convocar ó Padroado a reunións extraordinarias cando o considere oportuno e, en calquera caso, por solicitude de cando menos a terceira parte dos seus patróns.

2. Convocatoria

Para a válida constitución das sesións requírese a convocatoria por escrito dirixida a todos os membros do órgano de goberno, na que se expresará a orde do día, lugar e hora da sesión, con cinco días de antelación. No caso de sesión extraordinaria a convocatoria poderá realizarse con 48 horas de antelación por un medio que permita deixar constancia. Así mesmo, considerarase constituído o Padroado en sesión extraordinaria cando ó estar presentes a totalidade dos seus membros así o acorden. En tal caso, o Padroado quedará validamente constituído para trata-los temas que, unanimemente, decidisen incluír na orde do día.

3. Acordos

Para que quede validamente constituído o Padroado requírese a concorrencia, presentes ou representados por outros membros do Padroado, da metade máis un dos seus membros, entre os que haberá de estar necesariamente o presidente/a ou o vicepresidente/a.

Os acordos, se a normativa aplicable ou estes estatutos non esixen un quórum especial, adoptaranse por maioría absoluta de asistentes, no caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente/a.

Non serán válidos os acordos que non consten na orde do día, excepto que unanimemente todo o Padroado lle engadise algún punto que ampare a adopción do acordo.

Artigo 19.- Secretario/a

O secretario/a será designado/a polo Padroado.

Correspóndenlle ó/á secretario/a as seguintes funcións:

1) O/a secretario/a do Padroado da Fundación Marco deberá estar presente en tódalas sesións ás que debe asistir con voz e sen voto.

2) Será fedatario/a de tódolos actos, resolucións e acordos, polo que redactará as correspondentes actas e certificará todo iso. As actas transcribiranse no libro correspondente e serán subscritas polo/a secretario/a co “conforme” do/a presidente/a e do/a director/a.

3) Calquera outra que lle encomende a Presidencia.

CAPÍTULO II. O/A DIRECTOR/A

Artigo 20.- O/a director/a

1. Padroado nomeará un/unha director/a que será o superior órgano unipersoal de xestión da Fundación Marco, sen prexuízo das funcións atribuídas ó Padroado nestes estatutos.

2. Para o nomeamento o cese do Director/a será necesario ter como mínimo un acordo das 2/3 partes do Padroado.

3. A Fundación Marco formalizará co director ou directora un contrato laboral adecuado o seu labor funcional. En ningún caso a duración do contrato poderá exceder de sete (7) anos prorrogables por acordo das partes e conforme ás disposicións aplicables na materia.

Artigo 21.- Funcións

Serán funcións do/da director/a:

1) Preparar, estudiar e executa-los acordos aprobados polo Padroado e os mandados da Presidencia.

2) O/a director/a da “Fundación Marco” deberá asistir ás sesións do Padroado da Fundación, a menos que se lle comunique o contrario, con voz e sen voto.

3) Propoñer e executa-las estratexias e políticas de actuación da Fundación Marco, así como subscribir-los convenios, concertos e contratos con entidades públicas, privadas ou particulares que sexan necesarios para desenvolve-lo programa anual de actividades nos termos establecidos pola lexislación vixente e nos presentes estatutos.

4) Elabora-lo plan anual de actividades do “Museo de Arte Contemporánea de Vigo”, a súa memoria anual e o balance de situación, ademais de dirixir, organizar e supervisa-las diferentes áreas, liñas de actuación e servicios para levar a cabo correctamente os fins da Fundación Marco.

5) Dirixir, xestionar e inspeccionar, conforme ás directrices do Padroado, a organización e actividades do Museo de Arte Contemporánea de Vigo que conduzan á consecución dos fins da Fundación Marco.

6) Elaborar e propoñer ó Padroado o orzamento anual de gastos e ingresos, e, no seu caso, as modificacións correspondentes.

7) Administra-lo patrimonio segundo as leis e as atribucións conferidas polo Padroado.

8) Ordena-los pagamentos e a xestión de tesourería de acordo cos criterios aprobados polo Padroado.

9) Velar polo mantemento xeral das instalacións e equipamentos da Fundación Marco.

10) Redacta-los Regulamentos de Réxime Interno, de persoal e de servicios.

11) Co fin de dar maior axilidade á xestión da Fundación Marco excepcionalmente o/a director/a poderá autoriza-la organización de actividades distintas ás programadas pola Fundación Marco, sempre que se adecúe ó calendario de actividades aprobado por aquela. Neste caso deberá darlle conta de tal autorización o/a presidente/a do Padroado. Os membros do Padroado recibirán a información oficial deste/a na primeira sesión que se realice, dando conta do desenvolvemento e dos seus resultados. O/a director/a deberá formalizar, mediante contrato redactado para tal efecto, as condicións económicas, técnicas e administrativas de tal autorización, con suxeición ás prescricións legais sobre a materia.

12) Propoñerlle ó Padroado o nomeamento e cesamento dos cargos directivos.

13) Desenvolve-la política de persoal deseñada polo Padroado e, para tal fin, selecciona-lo persoal, concertar ou rescindir relacións laborais, acordar sancións e executa-los acordos do Padroado sobre o réxime retributivo.

14) Exercer en casos de urxencia, por delegación do/a presidente/a, as accións, excepcións, recursos e reclamacións xudiciais e administrativas en defensa dos dereitos e intereses da Fundación Marco, e informar ó Padroado na primeira sesión que se realice.

15) Todas aquelas tarefas que o Padroado lle encomende e cantas competencias lle sexan delegadas por este de forma expresa ou todas aquelas que, sendo necesarias para a máis eficaz dirección e administración da Fundación Marco, non lles estean reservadas a outros órganos.

CAPÍTULO III. ORGANOS COMPLEMENTARIOS

Artigo 22.- Órganos complementarios

A Fundación Marco poderá contar con órganos complementarios para o desenvolvemento de funcións consultivas, asesoras ou de apoio, non vinculantes para os órganos directivos, salvo que expresamente se dispoña o contrario no Regulamento de Réxime Interno.

Artigo 23.- Comisión asesora

Co fin de realizar un correcto desenvolvemento das funcións e dos fins actividades de promoción da arte e da cultura que constitúen os fins da Fundación Marco, o Padroado poderá nomear e cesar, por proposta do/a director/a, unha comisión asesora, composta por un máximo de catro membros de recoñecido prestixio estatal ou internacional no ámbito da arte contemporánea.

Basicamente as súas funcións consistirán na realización de estudios e na emisión de informes, dictames e propostas que estarán estructuradas e determinadas no mencionado Regulamento da Fundación Marco que será aprobado polo Padroado.

A función consultiva e asesora do comité asesor estará encamiñada fundamentalmente a consegui-la presencia regular de técnicos/as cualificados/as no sector, que permitirá unha maior difusión e prestixio das actividades da Fundación Marco, e, polo tanto, unha mellor consecución dos fins perseguidos.

Artigo 24- Funcións da comisión asesora

1.A comisión asesora terá labores consultivas e de asesoramento ó/á director/a. Deberá colaborar con este/a nos labores para os que fosen designados, en particular, na elaboración do programa de actividades do Museo. En todo caso axustarase a súa actuación a canto se establece nos presentes estatutos, ó que dispoña o Padroado, así como á lexislación específica na materia.

2.Os membros da comisión asesora poderán reunirse cantas veces o estime oportuno o/a director/a ou se o solicita a maioría dos seus membros.

3.A duración do mandato dos membros designados será de 3 anos renovables. Poderán ser reelixidos indefinidamente por períodos iguais de tempo.

Artigo 25.- Asociación de Amigos do Museo de arte Contemporánea de Vigo

1. A Fundación Marco, co fin de captar outros patrocinios no mundo empresarial e civil poñerá en funcionamento unha “Asociación de Amigos do Museo de Arte Contemporánea de Vigo”. Esta asociación establecerá un “Programa de Amigos do MARCO” da Fundación no que se establecerán distintas categorías de vinculación e de responsabilidades dos socios colaboradores en función do compromiso adquirido e da contía económica que achegarán as ditas entidades ou particulares ó desenvolvemento dos fins da Fundación Marco.