Escoitar
Nova Alameda en Valadares

Aprobado o proxecto de humanización de López de Neira

luns, 21 out 2002
A rúa López de Neira será o seguinte paso no proceso de mellora do contorno da rúa Príncipe e do Museo de Arte Contemporanea. A Comisión de Goberno aprobou o proxecto de humanización de López de Neira, ao que asignou un presuposto de execución de 136.400 euros.

A reforma de López de Neira será semellante á realizada recentemente noutras rúas da zona. Ampliaranse as beirarrúas deixando unha calzada de só 3 metros de ancho: renovarase toda a rede de servicios, instalarase un novo alumeado público, modernizarase o mobiliario urbano e prantaranse árbores.

O propósito desta actuación vai máis alá de acondicionar unha rúa que se encontra nun estado deficiente. Trátase de crear as condicións para revitalizala comercialmente e incorporala á renovada área comercial que se artella en torno ao eixo de Príncipe.

O goberno municipal decidiu poñer en marcha o proceso de contratación desta obra para comezar a súa execución a principios do vindeiro ano.

Nova Alameda en Valadares

O goberno municipal decidiu contratar as obras de construcción dunha alameda na parroquia de Valadares. Esta nova zona verde estará ubicada a carón do pavillón polideportivo e ocupará unha superficie de 4.607 m2.

A Alameda de Valadares disporá dunha área de xogos infantís, de bancos, alumeado e de zonas con céspede. O proxecto prevé o acondicionamento dun regato que percorre o lugar e a prantación nas súas marxes de árbores de ribeira. O presuposto para esta actuación supera os 48.000 euros.