Escoitar

O Concello subvenciona a instalación de elementos de seguridade nos taxis de Vigo

luns, 21 out 2002
O Goberno municipal ofrece axudas aos taxistas de Vigo para que instalen nos seus vehículos sistemas de seguridade como mamparas ou equipos de localización e seguimento. O Concello subvencionará a colocación destes sistemas aportando o 30% do seu custo. Para iso presupostou a cantidade de 30.050 euros.

Poderán acceder a estas axudas os titulares de licencias de taxi en Vigo. Terán un prazo de 10 días para solicitalas a partir da data na que se publique a convocatoria.

O Concello de Vigo xa concedeu axudas semellantes o pasado ano, co obxectivo de contribuír a mellorar as condicións de seguridade nas que desenvolven o seu traballo os taxistas da cidade.

O Concello inviste 61.000 euros na adquisición de xogos infantís

O Concello de Vigo acaba de adquirir xogos infantís por valor de 61.303 euros. Estes aparellos distribuiranse por distintos espacios públicos do municipio e substituirán outros xogos que foron retirados por non cumprir a normativa europea de seguridade.

Nos últimos tres anos, o Concello leva investido ao redor de 700.000 euros na mellora dos parques infantís da cidade. Neste periodo substituíronse todos os xogos que non cumprían coa normativa en vigor e creáronse novas zonas de recreo para os meniños.