Escoitar

Catro coroas de flores lembraron ás víctimas da Batalla de Rande

luns, 21 out 2002
O Concello de Vigo rendeu hoxe homenaxe ás víctimas da Batalla de Rande nun acto que se celebrou no estreito a bordo do patrulleiro da Mariña de Guerra Francés L´Audacieuse .Ó acto presidido polo alcalde de Vigo constituíu nunha ofrenda floral de catro coroas representativas de cada pais que participaran na contenda hai 300 anos, Francia, Inglaterra, Holanda e España.

Os actos organizados pola concellería de Cultura contou coa presencia de Tomás Nodar Rey, comandante de Mariña de Vigo: capitán Croke, agregado naval inglés: James G. Skinner, cónsul británico: Jean Desclos, cónsul francés, así como do concelleiro de Cultura, Carlos Príncipe e o voceiro do grupo municipal do Partido Popular, José Manuel Figueroa.

Sebastien Chatelain, tenente de navío do buque L´Audacieuse lembrou que mais de mil mariñeiros de ambos lados pereceron na contenda do estreito e hoxe redemos homenaxe ós mortos, a todos os mortos. ” Este tamén é un gran momento de esperanza porque recordamos o dolor que sufrimos e como agora con outros países europeos formamos a mesma unión europea”.

Pola súa banda o agregado naval inglés manifestou que ” non estamos aquí para pensar en gañadores e perdedores. Estamos aquí para conmemorar o valor das tripulacións , españolas, francesas, holandesa e británica e dar as gracias polas vidas dos caídos”.

A Concellería de Cultura emprendeu en 2001 o compromiso de promover a conmemoración do terceiro centenario da Batalla de Rande, ou Batalla de Vigo, como é coñecida internacionalmente. Ademais do significado do fito histórico no contexto da Guerra de Sucesión (1700-1713), a batalla de Rande puxo en marcha un fermoso mito, o dos tesouros de Rande, que en trescentos anos non parou de mover a imaxinación de artistas, escritores e aventureiros.

A conmemoración contrapón, trescentos anos despois do acontecemento, unha reivindicación pacifista e de concordia entre os pobos que se é certo que estaban enfrontados militarmente no comezo do século XVIII, no abrente do século XXI configuran unha sólida e fraternal comunidade no seno da Unión Europea e doutras organizacións supranacionais.