Escoitar
Esta nova liña pasará polo carril bus de Fragoso e a liña 8 dará servicio ao campus universitario as fins de semana

O luns ponse en marcha o autobús Circular-4

martes, 22 out 2002
O proceso de remodelación de liñas do transporte público urbano terá o próximo luns un novo fito coa posta en marcha do Circular-4, un autobús que dará servicio a unha ampla zona da cidade e que vai utilizar o carril bus que o Concello acaba de crear na Avenida de Fragoso en sentido Balaídos.

O C-4 unirá Coia co Calvario e con Poulo. Os nove vehículos da liña terán un itinerario común entre Jenaro de la Fuente e a praza de América. Neste traxecto pasará un C-4 cada dez minutos en cada sentido. Na praza de América bifúrcanse os percorridos. Uns autobuses dirixiranse por Fragoso- Pablo Iglesias-Porriño-Baiona-Avda. Castelao para volver á praza de América. Mentres, outros farán ese mesmo percorrido en sentido contrario. No outro extremo da liña, a partir de Jenaro de la Fuente, tamén se establecen varios percorridos. O C-4A rematará a viaxe na rúa Aragón, o C-4B en Poulo, e o C-4C na estación de autobuses.

A nova C-4 substituirá as liñas 4, R4 e 5. Estímase que absorverá máis de 150.000 viaxeiros mensuais. A frecuencia de paso será de 10 minutos no treito común do percorrido e de 30 minutos nas cabeceiras de cada itinerario (Aragón, Poulo e estación de autobuses).

A entrada en servicio do carril bus de Fragoso permitirá acurtar o tempo de viaxe do transporte público urbano nos traxectos dende a praza de América ata a zona de Balaídos. Este carril poderá ser utilizado unicamente polo transporte público no treito que vai dende a praza ata a rúa Espedrigada. Dende o cruce con esa rúa ata o estadio de Balaídos tamén poderá ser empregado polos vehículos particulares. Para iso instaláronse semáforos no cruce de Espedrigada con Fragoso.

O vindeiro luns tamén se introducirán outros cambios na rede de transporte público. A liña 8 Areal-Universidade chegará ata o campus de Lagoas-Marcosende tamén as fins de semana. Na actualidade os sábados e domingos remata o seu percorrido en Castrelos. Desta maneira daralle servicio todos os días da semana aos residentes no campus universitario.

Para acortar o tempo de viaxe, a L-8 modificará lixeiramente o seu percorrido en sentido á Universidade. A partir do luns deixará de pasar pola Avda. de Balaídos e por Alcalde Portanet e circulará directamente pola Avenida de Castrelos

Acurtar o tempo de viaxe é tamén o obxectivo que se persegue co cambio no percorrido que se aplicará na Circular-6 a partir do luns. A modificación afecta unicamente á parte do traxecto comprendida entre o Calvario e a praza do Rei. Os autobuses deixarán de pasar pola rúa Brasil e a Gran Vía e circularán por Pizarro-Praza de España-Marqués de Alcedo.