Escoitar

O Concello adicará 363.000 euros para a implantación en Peinador da baixo coste Volotea

O Pleno aprobou este luns a modificación de crédito levada polo goberno de Vigo para que a baixo coste Volotea se asente en Vigo desde 2014. A compañía operará o próximo ano conexións desde Peinador con Palma, Sevilla, Valencia e Ibiza, e sumará destinos en 2015 e 2016.

luns, 9 set 2013
A proposta do goberno de Vigo para potenciar Peinador saiu este luns adiante cos votos favorables do PSOE e do PP, e a abstención do BNG. A modificación de crédito aprobada -en fase inicial- permitirá apoiar con 363.000 a implantación en Vigo da compañía áerea de baixo coste Volotea, que operará o próximo ano rutas con Palma, Sevilla, Valencia e Ibiza.

Segundo as negociacións levadas a cabo entre a empresa e o Concello de Vigo, desde a primavera do próximo ano Volotea comezará a operar rutas desde Peinador ata Palma, Sevilla, Valencia e Ibiza, en 2015 ampliará os destinos con Málaga, Alicante e Bilbao, e conectará a cidade olívica coas Illas Canarias no 2016.

A chegada de Volotea forma parte do Plan de Dinamización de Peinador que, segundo explicara con anterioridade o alcalde, cubrirá a demanda de voos transversais en España. De xeito complementario, o proxecto municipal inclúe potenciar os destinos de Madrid e Barcelona, recuperar a conexión con Londres e instaurar unha nova internacional en Alemaña e, a medio prazo, un voo a Milán.

Os 363.000 euros, IVE incluído, que se destinarán á implantación de Volotea na cidade proceden dos xuros aforrados grazas á amortización de créditos aprobada no anterior Pleno da Corporación, con cargo aos remanentes do Concello, tal e como explicou a tenente de alcalde, Carmela Silva.

Por outra banda, o apoio do Partido Popular á modificación de crédito ten "condicións", afirmou Figueroa, quen esixe a creación en cinco días dun grupo de traballo formado polos tres grupos políticos con representación municipal que se encargaría de consensuar e aprobar eventuais acordos con aeroliñas e tamén as alegacións a presentar desde o Concello ao documento elaborado por AENA e presentando no pre-comité de coordinación aeroportuaria de Galicia.

O grupo nacionalista abstívose na votación por considerar o debate "electoralista" e censurar que nin populares nin socialistas buscan "solucións" para Peinador. Asimesmo, indicou a súa voceira, Iolanda Veloso, o BNG responsabiliza da situación actual do aeroporto vigués aos gobernos do PP na Xunta e no Goberno do Estado, competentes na materia.