Escoitar

O goberno local publica o listado provisional de admitidos ás vivendas municipais para familias desafiuzadas

A Xerencia de Urbanismo, segundo informou hoxe venres o alcalde, aprobou o listado provisional de admitidos e inadmitidos que optan a unha das sete vivendas municipais, situadas en Navia, que o Concello pon a disposición das familias desafiuzadas.

venres, 6 set 2013
1378472127alcalde2.jpg
O Concello de Vigo, a través da Xerencia municipal de Urbanismo, vén de publicar o listado de admitidos e inadmitidos no programa de realoxo transitorio de desafiuzados hipotecarios, unha vez rematado o prazo de presentación de solicitudes. Segundo explicou Caballero, á proposta municipal presentáronse nove candidaturas, das que dúas non cumpren cos requisitos, polo que non son subsanables.

Unha vez feita pública a relación, no Boletín Oficial da provincia de Pontevedra e no taboleiro de anuncios do Concello, ábrese un periodo de 10 para que aqueles candidatos e candidatas que cumpriron os requisitos poidan completar a documentación necesaria. O obxectivo do goberno de Vigo con esta medida é ofrecer unha nova vivenda -sen pago de aluguer- durante dous anos, prorrogables por seis meses, a aquelas familias que sufriron unha execución hipotecaria.

Para optar ás sete viviendas, recordou Caballero que os pisos embargados debían ser os habituais, estar no termo municipal de Vigo e non poden derivar dunha hipoteca superior aos 180.000 euros, que ninguén dos interesados teña unha vivenda en propiedade, que estean empadroados en Vigo desde hai un ano e que a unidade convivencial teña ingresos non superiores a 1,5 veces o IPREM. A medida ten efectos retroactivos desde o 1 de xaneiro de 2008.

Dentro dos que cumpren os requisitos, de ser preciso o goberno de Vigo concedería prioridade -e por tanto unha maior puntuación no baremo- ás familias numerosas, con menores ao seu cargo e con todos os seus membros no paro, ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas cunha discapacidade igual ou superior ao 33%. Para puntuar e baremar as solicitudes, creóuse unha Comisión de Valoración conformada por técnicos municipais, sen ningún cargo político, que estará presidida pola xerente de Urbanismo, cos xefes de área de Benestar, Igualdade e Vivenda como vocais e un administrativo de Vivenda como secretario.

Outros asuntos
Por outra banda, o alcalde de Vigo informou da concesión de 51.300 euros de axudas para a reforma de tres edificios e seis vivendas nas rúas Elduayen e Ferrería, e outros 70.000 euros para rehabilitar sete vivendas en Paulino Freire (Bouzas). No tocante ás licencias urbanísticas concedidas, durante o mes de agosto autorizáronse 79 de obra e 22 de actividade para un investimento superior aos 3,3 millóns de euros.

Ademais, a Xerencia de Urbanismo tomou coñecemento doutras cinco sentenzas xudiciais favorables aos intereses municipais sobre o Plan Xeral de Vigo, resolucións que desestiman os recursos contra a aprobación do PXOM vigués.
Descargar todas as imaxes