Escoitar

Os británicos Verónica Falls actúan o domingo no Auditorio Municipal pechando o festival Sinsal X

A Concellería de Cultura e Festas participa no festival Sinsal X coa organización do concerto de clausura a cargo de Veronica Falls, o próximo domingo 30 de setembro ás 21h, no Auditorio Municipal do Concello. As entradas poranse á venda, de forma anticipada, mañán venres 21 no servizo de Servinova, a un prezo único de 8€.

xoves, 20 set 2012
1348157803cartelveronicafalls.jpg
O Concello de Vigo apoia, unha vez máis, unha das iniciativas musicais máis importantes da cidade, que se ven consolidando ano tras ano, a través de novedosas iniciativas, a consolidación dun público fiel e a calidade das súas propostas artísticas. O festival Sinsal X pecha o ano do seu décimo aniversario facendo balance dun tempo difícil no económico pero cheo de fitos musicais e dunha incontestable fidelidade do público. Tratando de crear novas fórmulas, Sinsal loita por transformar a relación das audiencias coa música, creando novos modelos e apostando pola participación.

O libro de estilo de Veronica Falls ríxese por unha premisa inamovible: o mellor pop nace da confrontación de ternura e brillo con disonancia e oscuridade, de inxectar nunha armonía adictiva, perfecta, un sentimento de anómala tristeza. Con esta certeza sempre presente o grupo formado polos británicos Patrick Doyle (batería), Roxanne Clifford (guitarra e voz), James Hoare (guitarra e voz), e Marion Herbain (baixo) vén escribindo con pulso firme unha carreira tan brillante como vertixinosa. En apenas dous anos tiveron tempo para entregar unha serie de singles redondos en selos tan en voga como No Pain In Pop , Captured Tracks , Slumberland ou Bella Union , e desa forma ir achandando o camiño para o seu álbum de debut, un aplaudido traballo homónimo no que demostran ser capaces de xuntar o mellor pop de décadas pretéritas nun son coherente e enchido de cancións perfectas.
Descargar todas as imaxes