Escoitar
As entradas para Carles Santos + Cabo San Roque no Auditorio Municipal do Concello custan 5 euros e poden ser adquiridas desde unha hora antes do inicio do concerto na billeteira do recinto

Dobre ración o venres 29 en Imaxina Sons: Carles Santos+ Cabo San Roque no Auditorio Municipal e Dhafer Youssef na Constitución<br /> Ademais pasacalles con A Magnifique Bande dos Homes sen

Xornada completa o venres 29 de xuño dentro da programación do 8º Festival de Jazz de Vigo Imaxina Sons. O día comezará cos pasacalles de A Magnifique Bande dos Homes sen Medo e rematará co quinteto de Alberto Vilas no Xancarajazz dentro do circuíto "Jazz na Noite". Carles Santos+ Cabo San Roque levarán a súa Maquinofobiapianolera ao Auditorio Municipal do Concello ás 21h; a audiencia será testemuña do enfrentamento entre o piano de Carles Santos e a orquestra mecánica dos Cabo San Roque. Xa na Praza da Constitución Imaxina Sons acolle o concerto de Dhafer Youssef, a ensamblaxe que fai o tunecino entre a música de raíz e os elementos do jazz contemporáneo converteuse nun dos éxitos do jazz europeo dos últimos anos.

xoves, 28 xuñ 2012
1340872897674.jpg
Carles Santos + Cabo San Roque
As propostas do colectivo Cabo San Roque están marcadas pola orixinalidade e a inventiva, destinadas a sorprender a unha audiencia que espera polo novo aparello saído do seu laboratorio. Se a eles se une un creador total como Carles Santos (Vinaròs, Castellón, 1940), o que se produce é unha colisión. En Maquinofobiapianolera a máquina procede dunha fábrica de galletas, con pistóns e controlador MIDI, lista para poñerse ao servizo de Carles Santos como director musical da proposta. Trátase dunha mastodóntica orquestra mecánica na que caben válvulas, acordeón, xilófono, clarinetes, bombillas, sereas, etc. Fronte a máquina, Carles Santos e o seu piano. O escultor, performer, pintor, compositor e pianista; o mesmo que aporreaba o seu piano na Feira do Libro de Francfort en 2007 mentres o campeón do mundo de trial Adam Raga empoleirábase no piano coa súa moto. Con trece premios Max, un Premio Nacional de
Teatro, un Premio Nacional da Música e unha morea máis de galardóns e distincións, se algo distingue a Carles Santos é unha creatividade inesgotable e unha enorme capacidade de interactuar con artistas máis novos. Santos, cuxos traballos iniciais, entrocaban con Joan Brossa e John Cage, actuou nas últimas décadas en teatros e auditorios de medio mundo, creando proxectos a medio camiño entre o teatro e a ópera cun tratamento multidisciplinar.

Se para o axitador cultural Carles Santos promover novas fórmulas escénicas é unha motivación, os integrantes de Cabo San Roque -colectivo que colle o nome dun vello trasantlántico- son artistas, lutiers e lampistas. O seu é a reciclaxe e a construción de enxeños mecánicos imposibles. Nos últimos anos a súa tripulación reduciuse pero os proxectos continúan. De feito están a construír unha instalación sonora mecánica automática que se presentará na Fonoteca Nacional de México en setembro deste ano. Maquinofobiapianolera é un xogo pretecnolóxico na era da tecnoloxía que deixará o público fascinado.


O virtuosismo da voz e do oud de Dhafer Youssef (Teboulba, Túnez, 1967) chega á oitava edición de Imaxina Sons o venres 29 a partir das 23h na Praza da Constitución. O músico, que instalou o seu espazo creativo en Europa, explora novas vías para unha música que xorde das súas raíces sufís e das súas capacidades vogais. Con ese punto de partida, Youssef acadou un grande recoñecemento no ámbito jazzístico. Naceu nunha familia pobre en cuxo seo a perspectiva de estudar música era máis que remota. Pero o descubrimento do oud, o instrumento africano que entronca co laúde, supuxo a revelación do seu destino e da súa propia voz. "Se nacese en Africa, sería percusionista. En Nova York tocaría o saxo. Pero nacín en Tunisia, toco o oud. Se estivese preto dun piano, quizais o tocaría, pero a realidade é que a primeira vez que vin un foi en Viena cando eu xa tiña 19 anos". Sería nesta cidade europea onde se descubriría a si mesmo como compositor mentres lavaba pratos, limpaba fiestras e exercía de camareiro italiano sen selo. Todo para poder acceder á música pola que devecía: o jazz. Cando o club Porgy and Bess lle deu a oportunidade de presentar os seus proxectos unha noite ao mes, sen cortapisas, Dhafer Youssef comezou a tecer redes con destacados músicos da escena local e resultado daquela experiencia xurdiría o seu primeiro disco Malak (1999). Posteriormente viaxa a Nova York para gravar o disco Electric Sufi (Enja, 2001). O músico tunecino destaca xa pola súa concepción dun jazz exótico no panorama europeo, no que a súa voz convértese nun elemento singular.


Tras a experiencia estadounidense, Dhafer Youssef establecerá unha conexión moi estreita co
nu-jazz noruegués e formará, de feito, a súa banda co guitarrista Eivind Aarset, o baterista Rune
Arnesen e o trompetista Arve Henriksen. Con eles publica o disco Digital Prophecy, no que
tamén participa o pianista Bugge Wesseltoft; a ponte con Noruega continuaría no seu disco
Divine Shadows (2006). Nos últimos tempos o seu traballo vai transitando dunha concepción
eléctrica a unha proposta máis acústica. O seu último disco é Abu Nawas Rhapsody (Jazzland
Universal, 2010). En Vigo sube ao escenario acompañado de Kristjan Randalu, piano, Phil Donkin, contrabaixo e Chader Sardjoe, batería.

A xornada do venres 29 remata con Alberto Vilas Quinteto no Xancarajazz a partir das 01.30h dentro do circuíto "Jazz na Noite". Experianza é unha proposta fresca, con raíces asentadas na tradición galega e frondosas pólas nas que se misturan múltiples sonoridades. Bill Evans, Keith Jarrett, Thelonious Monk… a Experianza de Alberto Vilas medrou alimentada pola forza da música académica, tanto clásica como contemporánea, pero na súa identidade subxace a música americana dos 40, 50 e 60. "A semente é moi persoal", recoñece Alberto Vilas, "son cancións que nacen de min, da miña experiencia, da miña maneira de percibir a realidade". Xunto ao pianista, Felipe Villar na guitarra, Juansy Santomé, contrabaixo, Rosolino Marinello, saxos e Javier Barral Carro, batería.
1340872897674.jpg
1340872920675.jpg
Descargar todas as imaxes

Máis información