Escoitar

O alcalde anuncia que 400 estudantes estudarán idiomas este verán no estranxeiro cunha beca do Concello

Abel Caballero deu conta este mércores da adxudicación na última Xunta de Goberno de 315 bolsas para estudar inglés no estranxeiro este verán, para alumnos de 3º da ESO. A estas becas súmanse outras 85 achegas para estudantes da Escola Oficial de Idiomas de Vigo.

mércores, 27 xuñ 2012
O goberno municipal adxudicou as prazas para a participación no programa VIGO EN INGLÉS 2012. Esta iniciativa didáctica municipal procura seguir promovendo a mellora da capacitación en lingua inglesa, e unha vez máis tivo unha excelente acollida por parte da comunidade educativa da cidade.

Das 315 prazas adxudicadas, consonte á oferta establecida nas bases da convocatoria aprobadas pola Xunta de Goberno Local na súa sesión ordinaria do 16/04/2012, 220 corresponden a beneficiarios/as da rede pública e 95 corresponden a beneficiarios/as da rede concertada.

As becas municipais permitirán aos estudantes da ESO viaxar ao Reino Unido e Irlanda en setembro para mellorar o seu nivel de inglés e o alcalde recordou que a Escola de Idiomas de Vigo tamén recibe outras 85 para estudar distintos idiomas fóra das nosas fronteiras. Abel Caballero confrontou as 400 achegas do Concello coas 2 da Xunta de Galicia en Vigo, mentres que o Goberno de España non concede ningunha.