Escoitar

O goberno local aproba novas melloras nas rúas Aragón e Enrique Lorenzo

O alcalde, Abel Caballero, deu conta dos asuntos abordados este venres na Xunta de Goberno Local, entre os que destacou a humanización da segunda fase de Aragón ou a renovación do saneamento de Enrique Lorenzo. O goberno vigués tamén acordou que Educación poña a sede do CITIC á disposición da UNED para a apertura da aula viguesa en setembro.

venres, 20 abr 2012
1334923172alcalde2.jpg
Caballero recordou que a próxima semana comezarán os traballos de humanización da segunda fase de Aragón, ademáis das reformas de Ramón Nieto, Brasil e Nicaragua, e o próximo 2 de maio será o turno das melloras en Martínez Garrido, Doutor Marañón e Menéndez Pelayo.

Estes investimentos do Concello, xunto á xa iniciada humanización en Pintor Colmeiro, suman un orzamento próximo aos 14 millóns de euros, cos que o Concello agarda crear un total de 865 postos de traballo, entre directos e indirectos, principalmente empregos de Vigo, tal e como advertíu Abel Caballero. As humanizacións terán un prazo de execución de seis meses.

No tocante a Enrique Lorenzo, o goberno de Vigo acordou adicar 232.000 euros á demandada renovación do saneamento desta rúa perpendicular a Sanjurjo Badía, con cargo ao plan de investimentos de Aqualia tras a súa prórroga.

Padrón de vehículos
Abel Caballero tamén deu conta da aprobación do padrón fiscal de vehículos de tracción mecánica para 2012, que rexistra un descenso do 0,25% no número destes, pasando dos 177.317 do pasado ano aos 176.883 deste 2012.

O alcalde recordou que o Concello exime deste pago aos 996 vehículos para discapacitados e oferta unha bonificación fiscal do 75% aos 651 coches con emisións de CO2 por debaixo de 120 gramos por quilómetro, aos 8 eléctricos e 14 híbridos que cumpren coas bases da ordenanza municipal.

Outros acordos
O goberno de Vigo decidiu trasladar a xestión da sede do CITIC, en San Vicente número 3, do servizo municipal de Participación Cidadá ao de Educación, co obxectivo de poñelo a disposición da Universidade Nacional de Educación a Distancia para que poida abrir en setembro a súa aula nesta ubicación. Para este fin, o Concello abonará 70.000 euros, sufragando na súa totalidade o seu custo.

Por outra banda, o Concello adicará 27.000 euros á Asociación Plan Comunitario de Teis para a realización de actividades ata agosto para nenos e nenas de 6 a 12 anos, con fins psicopedagóxicos, lúdicos e sociais; e a Xunta de Goberno Local validou a contratación dun sistema de telecomunicacións de voz e datos por fibra óptica -cun orzamento de 87.300 euros- para enlazar os distintos servizos municipais, derivando nun "enorme aforro" en gastos de persoal e nunha mellor "eficacia" no traballo da administración local, valorou Caballero.
Descargar todas as imaxes