Escoitar
A mostra enmárcase nas actividades conmemorativas do 75 aniversario

O Museo municipal Quiñones de León presenta a súa nova exposición no Pazo de Castrelos

A colección municipal de arte, asignada ao museo "Quiñones de León", está formada por máis de 1.500 obras, divididas en tres seccións. O Museo presenta nesta exposición unha excelente selección da súa colección de arte europea antiga. Gran parte das obras formaron o primeiro "Quiñones de León" e proveñen do legado Policarpo Sanz e do depósito do Museo Nacional do Prado.

mércores, 18 abr 2012
1334766667Beerstraten.jpg
A colección municipal de arte, asignada ao museo "Quiñones de León", está formada por máis de 1.500 obras, divididas en tres seccións: arte europea antiga, na que consideramos mestres europeos principalmente dos séculos XVII, XVIII e XIX; a colección de artes decorativas, formada por un heteroxéneo e amplo conxunto de mobiliario, cerámica, reloxos e que ambienta as estancias do pazo; e finalmente a colección de arte galega contemporánea, exposta na actualidade na Pinacoteca "Francisco Fernández del Riego"

O museo presenta nesta exposición unha excelente selección da súa colección de arte europea antiga; obras que na súa maioría formaron o primeiro "Quiñones de León" e que proveñen do Legado Policarpo Sanz e do Depósito do Museo Nacional do Prado.
Á súa morte en 1889, D. Policarpo Sanz deixou á cidade de Vigo máis de cen obras de arte europea, fundamentalmente dos séculos XVII e XVIII, froito do seu longo labor como coleccionista. Grazas á súa dona, Dª Irene de Ceballos, estas obras ingresaron no Museo de Castrelos entre 1935 e 1941. Pola súa banda, nos anos previos á constitución do municipal,Francisco Javier Sánchez Cantón, presidente honorario do padroado, e por entón subdirector do Museo Nacional do Prado, conseguiu o depósito de cerca de corenta obras deste museo e do desaparecido Nacional de Arte Moderna. Certamente avellentadas polo paso do tempo, o museo municipal comezou a súa paulatina restauración nos últimos anos.

EXPOSICIÓN
Ao longo da primeira planta do pazo o museo propón un percorrido polas mellores obras destas coleccións históricas, entre as que destacan verdadeiras obras mestras como as de David Teniers II, Jean François Detroy, Annibale Carracci, Francisco de Goya, Anthoine Beerstraten ou Jean Honoré Fragonard. Ata hoxe moitas destas obras atopábanse en almacén ou expostas no pazo pero integradas na súa decoración sen que puidese apreciarse verdadeiramente a súa gran calidade. A reforma da primeira planta do pazo en 2011 fai posible expor hoxe unha elección destes cadros nas condicións apropiadas para a súa debida
contemplación.

SALA I. Xénero relixioso
Destacan na sala os autores italianos, fundamentalmente, Annibale Carracci, Carlo Dolci e unha atribución a Fra Bartolomeo della Porta. Así mesmo, exponse por vez primeira a obra do Museo do Prado, recentemente restaurada, "Parábola do rei que convidou ás vodas do seu fillo" de Pietro de Lignis. Por riba de todas estas obras debe destacarse un dos grandes fitos das coleccións de Castrelos: "As tentacións de santo Antonio" do pintor flamengo David Tenniers II. A biblioteca histórica do pazo, na planta baixa, igualmente está dedicada á pintura relixiosa.

SALA II. Pintura francesa
Esta sala dedicase enteiramente á pintura francesa, un dos puntais das coleccións históricas de Castrelos. Outra das xoias do municipal atópase aquí: "Níobe" de J.H. Fragonard, emblemático pintor do rococó e autor do celebre "O bambán". Trátase dunha das escasisimas representacións do autor en España e estivo presente na súa antolóxica "Les plaisirs d´un siècle" realizada no Museo Jacquemart-André de Paris en 2007. Xunto a el destacan as magníficas "Mortes de Lucrecia e Cleopatra" de J. F. Detroy, pintor que traballou nos palacios de Versalles e Fontainebleau no século XVIII.

SALA III. Paisaxe
Tras o salón nobre, dedicado á galería de retratos do século XIX, atopamos unha pequena sala dedicada á representación da paisaxe europea nas escolas francesa, flamenga e holandesa. Desta última, moi escasa en España e abundante nas coleccións de Castrelos, destaca a marabillosa vista invernal do holandés Beerstraten, do século XVII; ou a evocadora mariña do francés Gudin, un dos máis celebrados pintores deste xénero, do século XIX.

SALA IV. O Retrato
Esta sala está dedicada maioritariamente ao xénero do retrato e como continuación da espléndida selección que xa se mostra no Comedor de Sargadelos, na planta baixa do pazo.
Destaca o retrato do Rei Luis I de Borbón, fillo de Felipe V, cuxo reinado foi o máis breve na historia de España. É obra do pintor Jean Ranc e forma parte do depósito que alberga o Quiñones de León pertencente ao Museo Nacional de El Prado. Tamén francés, e igualmente do XVIII, é o anónimo retrato feminino, en pastel, que se presenta na sala. Pola súa vivacidade e virtuosismo técnico, expresado especialmente en rostro e roupaxes, ten todas as características para ser obra do gran mestre Quentin Latour.

GOYA NAS COLECCIÓNS MUNICIPAIS
O museo municipal posúe dúas obras de Francisco de Goya nas súas coleccións. Aínda que a súa autoría esta actualmente cuestionada; de acordo cos expertos consultados polo museo municipal, o "Bosquexo do Retrato de Carlos IV a cabalo", exposto nesta sala, é obra da man do mestre aragonés. Neste sentido trataríase dun dos traballos preparatorios do retrato final que hoxe pode verse no Museo do Prado.
Descargar todas as imaxes