Escoitar

O alcalde informa da aprobación dun convenio con empresarios e sindicatos para crear 255 novos empregos en Vigo

Abel Caballero indicou este venres que a Xunta de Goberno Local validou este convenio, cun investimento de 1,6 millóns de euros para formar e insertar no mercado laboral a 255 demandantes de emprego de Vigo, especialmente aqueles colectivos con maiores dificultades para atopar traballo. Xunto ao investimento público e aos programas de contratación directa, apuntou Caballero, "superamos os mil empregos que vanse xerar neste mandato" coa acción do Concello de Vigo.

venres, 17 feb 2012
1329483328alcalde2.jpg
A segunda edición do proxecto Imos Traballar, impulsado polo Concello de Vigo a través do departamento de Promoción Económica e Emprego, botou este venres a andar coa aprobación do convenio polo goberno local, un texto que rubricarán os responsables municipais xunto a tres entidades empresariais e outras tres sindicais.

En declaracións aos medios de comunicación, Abel Caballero explicou que serán CC.OO., UGT e CIG os que rubriquen o acordo en representación dos traballadores e as organizacións CEP, APE e AJE por parte das empresas. Trátase para o alcalde dun "proxecto moi importante", dotado de 1.663.000 euros para "a xeración de emprego en Vigo"

O programa -subvencionado nun 80% polo Fondo Social Europeo e nun 20% por fondos propios do Concello- procura formar e insertar no mercado laborar a 255 demandantes de emprego da cidade de Vigo, mediante cursos remunerados, especializados atendendo ás necesidades de cada quen. En particular, esta iniciativa municipal vai dirixida aos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral, como os menores de 30 anos ou os parados de longa duración, entre outros.

"Seguimos atentos ao emprego", apuntou o primeir edil, quen recordou que o Concello de Vigo ten previsto xerar 500 postos de traballo en base ao investimento público, outros 350 derivados dos programas municipais de contratación directa e, coa segunda edición do Imos Traballar, outros 255 empregos máis. En total, "superamos os 1.000 empregos que vanse xerar neste mandato desde o ámbito público", asegurou Caballero.
Descargar todas as imaxes