Escoitar

Caballero pide á Xunta que inclúa as áreas industriais do PXOM vigués na ordenación autonómica

O alcalde desvelou hoxe xoves o informe municipal "absolutamente contrario" ao Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais da Xunta de Galicia, un texto que invade competencias locais, que altera o solo rústico e de protección forestal do Plan Xeral e que ubica os ámbitos industriais da área viguesa fóra do termo municipal de Vigo. Abel Caballero explicou que o PXOM reserva zonas de desenvolvemento empresarial e terciario que non están incluídas no texto autonómico, polo que reclamou reaxustar este á normativa urbanística local.

xoves, 16 feb 2012
A Xerencia de Urbanismo deu conta do informe elaborado polo Concello sobre este Plan Sectoral da Xunta de Galicia que delimita os ámbitos comarcais e define as áreas empresarias nestas.

O Concello oponse por entender que invade competencias municipais, por alterar as calificacións locais de solo rústico e de protección forestal e por delimitar fóra do termo municipal de Vigo "a maior parte da ubicación empresarial" da comarca viguesa.

O alcalde recordou que o Plan Xeral de Vigo contempla zonas industriais, empresarias e terciarias -como Liñeiriños ou A Garrida- que non están incluídos no Plan Sectorial do goberno de Núñez Feijóo, feito polo que Caballero afirmou que "estas directrices son contrarias ao desenvolvemento empresarial da cidade de Vigo" e "cercena" as oportunidades de crecemento económico na urbe.

O rexedor entende que a instalación das grandes empresas fóra de Vigo non terían implantación por non estar sitas no "núcleo económico" da comarca, e demandou da Xunta de Galicia que reaxuste o seu Plan atendendo á normativa urbanística viguesa, que xa contempla áreas de desenvolvemento económico, industrial, empresarial e terciario.