Escoitar

O alcalde recorda que o de Vigo é o aeroporto galego con menor subvención pública e reclama un trato igualitario

Abel Caballero recibiu este mércores ao seu homólogo santiagués, Gerardo Conde Roa, entrevista tras a que o alcalde de Vigo recordou que Peinador, con pouco máis de 400.000 euros, é o aeroporto galego con menor subvención pública, e demandou á Xunta de Galicia equidade na distribución das axudas. Abel Caballero defendeu que potenciar o aeroporto de Vigo significará que Galicia competirá coa terminal de Oporto.

mércores, 15 feb 2012
1329311932conroa.jpg
Abel Caballero definiu de "cordial e satisfactorio" o encontro mantido con Conde Roa, no que intercambiaron os modelos aeroportuarios que defenden ambos mandatarios.

Vigo é "o aeroporto menos subvencionado de Galicia", recordou o alcalde vigués, con pouco máis de 400.000 euros, polo tanto "o que máis se aproxima ás políticas de subvención cero", namentres que as terminais de Santiago e Coruña perciben "millonarias" achegas públicas. Caballero reclamou da Xunta de Galicia apoios "simétricos" aos aeródromos galegos, ben a mesma cantidade para todos ou subvención cero para os tres. "Non admitimos que se discrimine negativamente ao aeroporto de Vigo", aseverou.

Abel Caballero apuntou que a subvención que concede o Concello de Vigo para operar a ruta con Londres está decrecendo, e o obxectivo a dous ou tres anos é que este percorrido poida manterse como o vóo a París, sen ningunha subvención pública.

O modelo vigués pasa por consolidar as conexións coas capitais francesa e inglesa, para posteriormente intentar establecer unha ruta con Francfort, en Alemaña, outro intercambiador internacional. Xunto cos vós a Madrid -incluídos os que operará a baixo custo Iberia Express, que "vai significar unha recuperación importantísima en vós nacionais"-, a cidade olívica estaría conectada con todo o mundo cun único transbordo.

Esta planificación, explicou Caballero, é basica para o mantemento e a implantación do tecido industrial vigués e galego. O aeroporto de Vigo é "factor clave de localización industrial" pois, se as compañías teñen que desprazarse a Oporto para viaxar, a cidade corre o risco de ver trasladadas as compañías ao país veciño.

Descargar todas as imaxes