Escoitar

Caballero felicita á ministra de Fomento por comprometerse co AVE a Vigo por Cerdedo e coa estación de Tom Mayne

Caballero felicitou hoxe á ministra de Fomento, Ana Pastor, por ratificar o seu compromiso coa chegada do AVE por Cerdedo e coa construción da estación do tren de alta velocidade deseñada polo arquitecto Tom Mayne. Durante unha comparecencia cos medios de comunicación, o alcalde indicou que "teño que recoñecer que a ministra fixo unha grande achega a esta cidade", referíndose ás declaracións que a titular de Fomento fixo o venres día 3 cando presidiu o acto de entrada da segunda tuneladora na cidade.

martes, 7 feb 2012
O rexedor municipal referiuse esta mañá as declaracións que a ministra de Fomento, Ana Pastor, fixo o pasado venres día 3, cando presidiu a entrada de A Lebre, a segunda tuneladora do tren de alta velocidade en Vigo. Cualificou de "magnífica" noticia que a titular de Fomento ratificara o seu compromiso do AVE a Vigo por Cerdedo, o que permitirá, sinalou, chegar desde Madrid en dúas horas e media, sen ter que pasar por Santiago.

En segundo lugar, Caballero aludiu ás verbas de Pastor cando cualificou de "excelente" o proxecto para a estación do AVE deseñado polo arquitecto Tom Mayne, "teño que recoñecer que a ministra fixo unha grande achega a esta cidade" ao tempo que lle avanzou "a nosa cooperación total e absoluta para sacar adiante este proxecto, que como todos os grandes proxectos pode sufrir algunha modificación". Durante a súa intervención, valorou "positivamente" a intención amosada pola titular de Fomento de continuar co proxecto da estación dado que a terceira parte desta obra, -matizou- a que queda por facer, se autofinancia, mentres que as dúas primeiras, as que dependían do Ministerio, xa están contratadas "polo que estamos diante, proseguiu, dun proxecto fundamental, creible e viable." Logo de indicar que a "ministra estivo á altura do que esta cidade se merece", reiterou a súa satisfacción polo prantexamento de Ana Pastor "porque neste Goberno a prioridade é a cidade e non hai cores políticos á hora de valorar as achegas doutros gobernos", concluíu.