Escoitar

O goberno presenta uns orzamentos "austeros e realistas" cun incremento do 8% en gasto social e emprego

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, explicou este martes que o borrador do orzamentos municipais para 2012, entregado hoxe aos grupos políticos, ascende a 220,3 millóns de euros, un 2,07% menos que o de 2011 pola caída de ingresos. Segundo explicou o primeiro edil, as contas aumentan os recursos adicados a emprego, políticas sociais, instalacións deportivas e transporte público, ao tempo que caen o gasto en órganos de goberno e diminúe a débeda do Concello. <br />

martes, 7 feb 2012
1328620279portavoces.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, definiu as contas de 2012 de "austeras e moi realistas", centrado nas políticas sociais e de xeración de emprego e rebaixando a débeda do Concello e os gastos en órganos de goberno.

Unha vez o Goberno de España aclarou a normativa de financiamento no incremento do IBI, na devolución dos anticipos de 2008 e 2009 e nas previsións de crecemento do Estado, Abel Caballero explicou que, con respecto ao borrador anterior, o texto suma 1,1 millóns de euros, dos que 620.000 adicaranse a axustar os ingresos municipais -derivado do crecemento negativo de 2012 previsto para España- e os outros 480.000 euros irán dirixidos a becas educativas e á creación de emprego.

O alcalde apuntou que a débeda do Concello de Vigo segue a baixar e os intereses a satisfacer caerán en 2012 un 14,2 millóns. Tamén baixarán un 16% os gastos dos órganos de goberno.

Caballero informou que, con respecto ao orzamento de 2011, o deste ano suma un 8% para humanizacións e políticas keynesianas de creación de emprego, un 7,8% máis para programas de emprego, un 1,4% máis para política do benestar, un 11% máis para instalacións deportivas e un 9,2% máis para o transporte público.

Define Caballero este texto como un "bo orzamento", que se dedica ao "emprego e o gasto social", un documento "austero" que "controla a débeda do Concello" e permite a Vigo ter "liquidez" para facer fronte aos salarios. Unha vez entregado hoxe aos grupos políticos para o seu estudo, o goberno elevará o texto á Xunta de Goberno Local para a súa aprobación inicial.

Descargar todas as imaxes