Escoitar

O Concello demanda a Fomento que constrúa a estación do AVE de Mayne e elaborar un proxecto ferroviario de cercanías

Os votos de PSOE e BNG, coa oposición do PP, sacaron adiante unha moción dos primerios solicitando a Fomento a construción da estación do AVE de Urzáiz deseñada por Thom Mayne, texto ampliado polos nacionalistas pedindo ao goberno central que manteña un proxecto axustado ás necesidades da cidade, intermodal, e que elabore xunto á Xunta de Galicia un plan ferroviario de cercanías para Vigo, no que a estación de Guixar cumpliría esta función.

luns, 30 xan 2012
O Pleno da Corporación municipal de Vigo aprobou hoxe luns este acordo, no que socialistas e nacionalistas sumaron os seus votos para reclamar, segundo indica o texto do PSOE, a estación do AVE de Urzáiz deseñada polo arquitecto estadounidense Thom Mayne. A engádega nacionalista apunta a un proxecto que cumpla coas necesidades axeitadas para a futura estación, facendo da mesma un centro intermodal de transporte.

No tocante ás cercanías, a moción reclama ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galicia que elaboren protocolos de colaboración, con partidas orzamentarias, para contar cun plan ferroviario de cercanías, no que a actual estación de Guixar acollería o tráfico de proximidade.

Escolas infantís
A Corporación tamén validou esixir á Xunta de Galicia que paralice a suba das taxas das escolas infantís que xestiona, prevista polo goberno autonómico, ao tempo que lle solicita a paralización dos procesos de privatización das mesmas -enmenda engadida polo BNG-. Socialistas e nacionalistas respaldaron esta moción, que contou co voto en contra do PP.

A concelleira de Educación, Raquel Díaz, argumentou esta petición recordando que o goberno de Vigo conxelou os prezos das escolas para nenos de entre cero e tres anos, solicitando que a Xunta de Galicia adopte a mesma política neste eido.