Escoitar

A biblioteca "Xosé Neira Vilas" rexistrou máis de 5.000 usuarios dende a súa apertura e conta con 600 socios

A biblioteca municipal "Xosé Neira Vilas", posta en marcha pola Tenencia de Acaldía e a Concellería de Cultura hai pouco máis dun mes, rexistrou ata o 30 de abril 5.086 usuarios e acadou as 597 altas como socios e socias. "Estes datos reflicten o acerto de abrir esta primeira biblioteca de proximidade á que queremos dar continuidade no vindeiro mandato con novas instalacións en Navia e Bouzas", destacou o concelleiro de Cultura, Xesus López.

luns, 9 mai 2011
Segundo informa a Concellería de Cultura, dos 5.086 usuarios e usuarias da Xosé Neira Vilas, 85 participaron en diferentes actividades realizadas nos meses de marzo e abril, como o obradoiro "Os ratiños da Caixa" ou nos acto de conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil. Por outra banda, 264 persoas empregaron o servizo de informática que ofrece a biblioteca.

Respecto ao perfil dos usuarios, obsérvanse algunhas tendencias, xa que polas mañás soen ser persoas da terceira idade as que se achegan a utilizar o servizo de prensa, así como estudantes e persoas que acoden a utilizar internet. Pola tarde amplíase o perfil, posto que tamén acoden grupos familiares.

As 597 altas rexistradas como socios e socias repártense en 380 adultos, 205 rapaces e rapazas e 12 de persoal bibliotecario. Téñense producido altas de persoas procedentes non só na zona de influencia da biblioteca, Calvario e Lavadores, senón tamén doutras zonas da cidade, como Navia, Travesía ou zona centro, así como de concellos limítrofes como Mos, Nigrán e Ponteareas. No tocante aos préstamos realizados, tanto de libros como de material audiovisual, o número total rexistrado foi de 920, distribuídos en 468 adultos e 452 infantís.