Escoitar

Xesus López anima a acudir ao concerto que a Orquestra 430 e Christophe Coin ofrecen o mércores no Auditorio Municipal

O concelleiro de Cultura, Xesus López, presentou hoxe o concerto que protagonizará a Orquestra Vigo 430 o vindeiro mércores ás 20.30 horas no Auditorio Municipal, e que contará coa participación do violonchelista francés Christophe Coin, un dos máis recoñecidos da actualidade. Segundo destacou o nacionalista, este concerto é a "continuación da intensa programación que temos no Auditorio Municipal, que está pensada para todos os públicos".

luns, 9 mai 2011
1304943506Concerto.JPG
Xesus López explicou que na primeira parte do concerto, actuará como solista Christophe Coin, que interprerará o concerto para violoncello de Antonin Dvorak, mentres que a Orquestra Vigo 430 interpretará coa formación sinfónica, que chega aos 50 músicos, a Sinfonía nº 38 "Praga" de W. A. Mozart. Agradeceu a Christophe Coin a súa presenza en Vigo e animou aos vigueses e viguesas a acudir ao Auditorio Municipal, posto que ao seu xuízo será un "gran concerto".

O concelleiro de Cultura sinalou que o prezo das entradas é de 5 euros e pódense adquirir na web www.laboleteria.es, opción que recomendou para evitar problemas de espazo, ou na taquilla unha hora antes do comezo da actuación. Lembrou tamén que a programación completa da Concellería de Cultura pódese consultar en www.vigocultura.org.

Christophe Coin recoñeceu estar encantado de atoparse en Vigo para actuar como solista coa Orquestra Vigo 430 e "polo seu ambiente". Lembrou que xa ten actuado con anterioridade en A Coruña e Santiago e comentou que coñece dende hai anos ao director artístico da orquestra, Alejandro Garrido, xa que tocaron xuntos na Orquestra Barroca de Sevilla. Asegurou que con Garrido e o apoio do público a orquestra terá "un futuro moi importante na cidade".

Javier Escobar, responsable da xestión da orquestra, agradeceu a Christophe Coin "a honra de ter aceptado a invitación de tocar con nós" e asegurou que é "un luxo telo en Vigo". Agradeceu tamén á Concellería de Cultura o seu apoio ás manifestacións culturais de calidade que se producen na cidade. O director artístico, Alejandro Garrido, agradeceu a Vigo "ter a oportunidade de dirixir un proxecto tan importante como a Orquestra Vigo 430" e tamén asegurou que é "unha honra ter o privilexio de contar con Christophe Coin".
Descargar todas as imaxes