Escoitar

O Verbum inaugura o Museo da Radio de Galicia

O Verbum – Casa das palabras inaugurou o 4 de maio dentro das súas instalacións o museo da Radio de Galicia, unha instalación composta por máis de 300 pezas doadas por emisoras, institucións e particulares, que repasa a historia deste medio de comunicación en Galicia dende o nacemento do medio de comunicación en 1920 ata finais do século XX.

xoves, 5 mai 2011
1304601525radioverbum8.jpg
Á inauguración acudiron tanto co comisario da mostra Manuel Rodríguez, coma o concelleiro de cultura do Concello de Vigo, Xesús López e o director do Verbum Rosendo Covelo.

A exposición está promovida polo Concello de Vigo, a través do museo Verbum. Casas das Palabras, que será a súa sede estable. Con esta iniciativa este espazo cultural de referencia reforza os seus contidos –o seu obxectivo é a palabra en todas as súas formas de expresión- e achégase aínda máis a todo tipo de públicos, mediante un proxecto que implica a todos os galegos e galegas. Galicia polas ondas foi posible grazas ao aporte desinteresado das emisoras galegas pioneiras, que acumulan o patrimonio máis emblemático, pero tamén resultou decisiva a colaboración dos medios máis recentes, con materiais fotográficos, sonoros, etc.

Así mesmo, non menos esenciais son os fondos cedidos por coñecidos profesionais históricos da radio en Galicia e, sobre todo, por diversos museos, institucións, arquivos e fundacións. Tal é o caso, do Museo do Pobo Galego, Museo de Pontevedra, Fundación Penzol, Arquivo Pacheco, Arquivo Provincial
de Lugo, Proxecto Interuniversitario Nomes e Voces, Agrupación Folclórica Cantigas e Agarimos, etc. O feito de que esta exposición teña como escenario a cidade de Vigo fixo decisiva a especial colaboración amosada por Radio Vigo, ao contar con boa parte dos fondos materiais, gráficos e sonoros máis significativos que se coñecen, xa desde a década dos trinta.

O Museo amosa o impacto das emisións radiofónicas en Galicia. As primeiras foron en xaneiro de 1933, en Santiago de Compostela, para promover o Estatuto de Autonomía da II República. Pero case inmediatamente, impulsadas por empresarios pioneiros, naceron as primeiras emisoras de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ourense e Lugo.

O novo medio chegou a converterse, co paso dos anos, en imprescindible na vida galega do século XX. Xa que logo, é unha memoria na que estamos todos e todas. Como ten afirmado o catedrático de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Soengas, a radio foi o único medio de comunicación habitual de miles e miles de galegos e galegas durante boa parte da pasada centuria, que o viviron, sentiron e soñaron como ningún outro. Para revivir esa mesma emoción e coñecer a relevancia deste medio de comunicación na vida galega das últimas oito décadas nace Galicia polas ondas, o proxecto do Museo da Radio de Galicia.

Os contidos
A exposición presenta materiais moi diversos, desde antigos equipos das emisoras -haberaos desde os anos trinta- ata fondos documentais, guións e fotografías sobre a historia galega deste medio, que en gran medida viviu o seu proceso en relación directa coa propia historia galega nos últimos oitenta anos. Galicia polas ondas ofrece tamén unha amplísima e diversificada relación de fondos sonoros cedidos polas emisoras e coñecidos profesionais e exprofesionais do medio, que souberon conservalos para a posteridade. Neste apartado hai que destacar a colaboración do Arquivo Sonoro de Galicia, dependente do Consello da Cultura Galega, que aportou fondos históricos de gran valor, e da Facultade Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, que colaborou no seu día na dixitalización de gran parte dos documentos sonoros que se poderán escoitar.

A exposición tampouco se esquece dos oíntes. Non tería ningún sentido a radio sen a súa audiencia. Xa que logo, esta tamén estará presente. Será a través de distintas imaxes históricas e, sobre todo, mediante as historias e os receptores de radio que oíntes de toda Galicia mercaron, escoitaron e souberon gardar ao longo dos anos cunha devoción que en moitos casos chega emocionar.

As seccións
alicia polas ondas amosa estes contidos a través dun percorrido enfocado con criterios cronolóxico-temático que chega ata primeiros do século XXI. Para facilitar a comprensión dos contidos, a exposición divídese en seis seccións, nas que se combina o percorrido pola historia da radio en Galicia como medio de comunicación coa súa relación e impacto nos oíntes. Os visitantes poderán
escoitar durante o seu percorrido a primeira emisión en Galicia, a última de Radio Pirenaica, ou anuncios e programas de diferentes épocas.

Estas seccións son as seguintes:

1. Así empezou todo…
Describe os avances tecnolóxicos que fixeron posible a radiodifusión e as primeiras emisións no mundo, que comezaron no ano 1920 en Estados Unidos. Xa desde esta década foi posible sintonizar as ondas radiofónicas en Galicia captadas de emisoras foráneas. Na Península, as primeiras emisoras
funcionaron en 1924 en Barcelona e Madrid.

2. 1931-1939. Unha flor amañeceu en Galicia
As emisións radiofónicas regulares desde Galicia comezaron en xaneiro de 1931 coa locución dun poema de Fermín Bouza Brey que comezaba así: "Din que unha fror verdegada amañescéu na badía". Resultou este poema case unha alegoría do medio, que se converteu desde o primeiro momento nun
punto de luz e esperanza para moitos galegos e galegas. Esta sección describe, xa que logo, os inicios da nosa radio, que se desenvolveu con rapidez na meirande parte das cidades –en Vigo comezaron as emisións en 1934- e logrou unha audiencia entusiasta que seguía, con devoción, os primeiros programas. Esta parte amosa radios de galerna, o equipo co micrófono regalado por Hitler a Franco co que este leeu o último parte de guerra dende Salamanca, e que logo foi empregado en Radio Coruña ou textos promovendo o estatuto de autonomía de Galicia durante a República.

3. 1940-1957. Radio Censura... e Radio Evasión
Tras a guerra civil a radio libre e entusiasta dos primeiros anos cambia obrigatoriamente de enfoque. Non pode emitir noticias e centra as súas emisións, sempre baixo estrito control da censura, na propaganda esixida polo réxime franquista e, cada vez mais, nunha eficaz e seguida aposta pola evasión (radionovelas, concursos, etc.) que para moitos oíntes resultaba unha válvula
de escape á difícil vida cotiá. Esta parte amosa equipos de radio feitos en Galicia, guións censurados, equipos de radio peculiares, as normas da censura obrigatorias na época.

4. 1958-1977. Cando os galegos entraron na radio
Desde finais dos cincuenta, a radio chega a toda Galicia, coa expansión da rede eléctrica ás zonas rurais. O impacto do medio neste ámbito foi moi grande. Coincidiu, ademais, co inicio dunha serie de emisoras en distintas localidades galegas –Lalín, A Estrada, Sarria, etc.- que se caracterizaron por buscar a apertura social, malia a censura imperante. Tamén é o tempo da radio que se
abre á mocidade, que grazas á expansión de transistor e os novos programas de música a converte nunha compañeira imprescindible. Esta sección amosa a importancia deste elemento, con equipos de radio máis modernos, transistores, máis pequenos e a radio entretenemento reflectida en
fotografías.

5. 1978-1999. Noticias de Galicia
Coa chegada de democracia e a preautonomía, a nosa radio, que xa se viña caracterizando desde o final do franquismo como un medio na vangarda social, convértese no medio informativo máis seguido. Tamén é o tempo no que nacen gran parte das emisoras actuais, ao amparo das competencias estatuarias
galegas en materia de concesión de novas licencias de radiodifusión. A derradeira sección amósase en elementos máis modernos, equipos das emisoras actuáis hai 20 anos, cintas magnetofónicas, micrófonos case modernos e guións de radio con noticias, permitidas dende entón.

Galica polas ondas remata cun breve achegamento á radio do presente e o futuro, que segue prestando un servizo imprescindible aos galegos e galegas, ao tempo que mira ao futuro indagando en novos proxectos de emisión, soportes, contidos e programacións.
Lista de Cedentes:
Radio Vigo
Radio Galega
RNE -Galicia
Radio Lugo
Cope Lugo
Radio Ourense
Radio Pontevedra
Museo de Pontevedra
Museo do Pobo Galego
Fundación 10 de Marzo
Fundación Penzol
E máis de 15 cedentes particulares
1304601525radioverbum8.jpg
1304601537radioverbum14.jpg
1304601549radioverbum3.jpg
Descargar todas as imaxes