Escoitar

Santi Domínguez di que o concerto que Dani Martín ofrecerá o 20 de maio reflicte a aposta pola diversificación do Ifevi

O tenente de alcalde, Santi Domínguez, presentou este mércores o concerto que o artista Dani Martín, ex integrante de El Canto del Loco, ofrecerá o vindeiro 20 de maio no Ifevi ás 22.30 horas. O nacionalista asegurou que esta actuación enmárcase na "aposta iniciada hai catro anos pola diversificación", para que ademais de escenario de congresos e feiras o Ifevi sexa tamén "escenario emblemático de concertos e eventos culturais".

mércores, 4 mai 2011
1304513394ConcertoDani.JPG
Santi Domínguez explicou que o cantante e compositor Dani Martín presentará en Vigo seu disco "Pequeño", o traballo co que iniciou a súa andaina en solitario tras deixar no 2009 o grupo El Canto del Loco. Sinalou que como vocalista deste grupo editou máis de 13 albumes e vendeu máis de 1,7 millóns de discos só no estado español. Iindicou que as entradas pódense adquirir a través de Servinova (Novacaixagalicia) e Servicaixa (La Caixa), a un prezo de 20 euros en venda anticipada, e de 23 mercándoas na taquilla o mesmo día do concerto.

O tenente de alcalde e presidente do comité executivo do Ifevi, por outra banda, salientou que o recinto feiral vigués goza dunha "gran saúde económica", posto que é o único recinto de Galiza que se autofinancia. Neste sentido apuntou que os concertos "axudan a seguir mantendo esta boa saúde". O nacionalista tamén adiantou que este concerto amosará a todo o estado español as características do recinto, xa que ese fin de semana máis de 4.000 congresistas participarán, precisamente no Ifevi, no congreso de medicina xeral e familia organizado a través do Vigo Convention Bureau.

"Con esta actuación seguimos traballando para relanzar a marca de Vigo como cidade de grandes concertos, cunha programación ampla, variada e pensada para todos os públicos", asegurou o concelleiro de Cultura e Animación Sociocultural, afondando nas verbas do tenente de alcalde. Comentou tamén que o concerto de Dani Martín súmase ás actuacións no Ifevi de outras grandes figuras como Lenny Kravitz e Bob Dylan, así como aos concertos programados no auditorio de Castrelos de Juanes o 15 de xullo e o de Bad Religion, que o 14 de agosto pechará o festival O Marisquiño.

Xesus López lembrou a faceta de actor do artista madrileño e ao respecto sinalou que ten participado en series como Los hombres de Paco ou Hospital Central, e nas obras de teatro Historias en Blues e Cachorros. "Vai chegar a Vigo cun espectáculo que fará as delicias dos seus seguidores", afirmou.

O xerente do Ifevi, Arsenio Prieto, expresou a súa satisfacción pola continuidade desta liña de diversificación das actividades do recinto feiral, "poñéndoo no circuíto das cidades que acollen grandes concertos de grupos supercoñecidos". Asegurou que está dotado dunhas características técnicas "que posibilitan distintas actividades nas mellores condicións que se poden dar en Galiza", tanto respecto a eventos deportivos como culturais. O xerente comentou que tras a realización de reformas referidas ás portas de evacuación, o Ifevi podería albergar ata 17.000 espectadores. Finalmente, agradeceu ao tenente de alcalde "a súa implicación durante estes catro anos".
Descargar todas as imaxes