Escoitar

O alcalde inaugurou a primeira fase da humanización de López Mora, cun investimento de 1,7 millóns de euros

Abel Caballero acudiu este luns á apertura da humanización do tramo de López Mora entre José Frau Ruiz e Camelias, máis de 1,7 millóns de euros para a renovación das canalizacións soterradas e a reforma en superficie, que inclúe a ampliación do número de árbores ata as 90 unidades e xardineiras que suman case 70 metros de lonxitude. O alcalde subliñou que o Plan E, co que foi financiada esta obra, supuxo unha "enorme creación de emprego" na cidade de Vigo, cifrada en 9.000 postos de traballo xunto ao investimento municipal.

luns, 14 feb 2011
1297690117lopezmora.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, inaugurou este luns a primeira fase da humanización da rúa López Mora, o tramo comprendido entre José Frau Ruiz e Camelias, cun investimento de 1.751.000 euros.

Segundo apuntou Caballero, esta actuación próxima ao medio quilómetro de lonxitude segue os "cánones" establecidos polo goberno local de "beleza e calidade", tanto en superficie como baixo terra. A humanización conlevou a renovación das canalizacións soterradas, case mil metros de tuberías de abastecemento e augas pluviais e 820 metros de saneamento, ao disporse conducións por ambas marxes da rúa.

O alcalde explicou que o modelo de humanizacións implica "beleza por arriba e medioambiete polo subsolo", xa que as melloras soterradas permiten que as rúas reformadas aguanten "francamente ben" as precipitacións de carácter forte.

En superficie, a mellora continúa cos parámetros do resto de humanizacións da cidade, con 90 árbores, 67 puntos de luz, bancos e papeleiras e xardineiras que suman case 70 metros de lonxitude. Ademais, un olivo preside agora a confluencia de López Mora coa Avenida das Camelias. Caballero felicitou á empresa e á concelleira de Vías e Obras, Isaura Abelairas, polo resultado da obra, xa que "a calidade e o gusto son excepcionais".

Esta actuación foi financiada con cargo ao Plan E impulsado polo Goberno de España que, xunto cos investimentos municipais, posibilitaron a creación de 9.000 empregos. Caballero subliñou que esta iniciativa estatal foi unha "magnífica decisión" pois crea emprego e embelece a cidade.

Abel Caballero concluíu avanzando que o Concello continuará traballando para que "a cidade continúe neste ritmo imparable de mellora, de cambio e por suposto de creación de emprego".
Descargar todas as imaxes