Escoitar

O Pleno insta ao goberno local a proseguir cos traballos arqueolóxicos iniciados en Celso Emilio Ferreiro

A moción da oposición foi apoiada polos grupos políticos que conforman o goberno vigués, aprobando por unanimidade unha moción que demanda ao Concello que continúen os traballos de investigación arqueolóxica e que sexa o propio municipio o que procure os recursos económicos suficientes que o permitan. O texto salienta que os restos "poderán proporcionar importante información histórica sobre as orixes da cidade".

luns, 7 feb 2011
Os tres grupos políticos con representación no Concello de Vigo aprobaron este luns por unanimidade unha moción impulsada pola oposición popular para proseguir "cos traballos de investigación arqueolóxica iniciados na rúa Celso Emilio Ferreiro, procurando o Concello os recursos económicos suficientes que o permitan".

O texto estipula que os arqueólogos destacaron o seu especial valor e interese "pola súa vinculación co xacemento de O Castro", ademais de que "poderán proporcionar importante información histórica sobre as orixes da cidade".

A moción defendida por Elvira Larriba indica que o alcalde de Vigo defendera no seu día o encargo dun "proxecto de gran envergadura" para a súa conservación e revalorización, pero que actualmente a súa intención é "tapar" os restos.