Escoitar

A Corporación pide por unanimidade ao Goberno de España que manteña a axuda para os parados sen prestacións

A moción, presentada polo PP e respaldada polo goberno local, insta ao executivo central a manter o chamado Programa Temporal de Protección por Desemprego e Inserción, é dicir, a axuda dos 426 euros para os parados que agotaras as súas prestacións por desemprego. "Retirar esta medida vai facer que 600.000 persoas en España se vexan nunha situación límite", argumenta o texto aprobado polos grupos municipais.

luns, 7 feb 2011
Ante a supresión da axuda de 426 euros que o goberno central daba aos parados de longa duración sen prestacións, o acordo plenario indica que este "recorte" o van pagar as clases máis desfavorecidas pola "incapacidade" do executivo.

"A supresión desta axuda supón retirar o seu único ingreso a familias que contan únicamente con esa senda de subsistencia para manterse e sobrevivir e o momento que se escolle para elo é o máis inoportuno, xa que o número de persoas que necesitan desta axuda para sobrevivir crece exponencialmente".

Os tres grupos políticos con representación municipal acordaron este luns "instar ao Goberno de España a manter o Programa Temporal de Protección por Desemprego e Inserción, coñecido popularmente como a axuda dos 426 euros mensuais, para os desempregados que agotasen todas as súas prestacións".